Nace en Mondoñedo a Asociación Mauro Leivas para preservar o legado dun creador singular

AMariñaXa
A entidade, impulsada por familiares e amizades, busca manter viva a memoria artística e o compromiso social do pintor falecido en 2025
Directiva-Asociación-Mauro-Leivas-Mondonedo-2
19 Mar 2026

A Asociación Mauro Leivas botou a andar este 19 de marzo en Mondoñedo nun acto cargado de emoción e lembranza que serviu para render homenaxe a unha das figuras máis singulares da plástica galega contemporánea. A presentación celebrouse no Pazo de Santo Tomé, que quedou pequeno ante a elevada asistencia dunha cidadanía que respondeu de maneira masiva á convocatoria.

No evento déronse cita diversas autoridades e representantes institucionais, entre eles o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, así como o tenente de alcalde de Barreiros, Antonio Veiga, en representación da rexedora Ana Ermida. Tamén participaron membros do goberno local, representantes das distintas forzas políticas e figuras vinculadas ao ámbito cultural, como a comisaria da Rede Museística Provincial de Lugo, Silvia Fiallega.

A iniciativa xorde da man dun grupo de familiares e amizades do artista, que se propoñen un dobre obxectivo: conservar a memoria creativa de Mauro Leivas e dar continuidade ao seu compromiso social e cultural, oito meses despois do seu pasamento en xullo de 2025. A asociación conta co respaldo de persoas de referencia no eido cultural como Juan Puchades, Xosé Artiga, Daniel Caxigueiro, Silvia Fiallega ou Encarna Lago.

Mauro Leivas, nado en Mondoñedo en 1955, destacou pola súa extraordinaria versatilidade artística, cunha obra que transitou por disciplinas como o cómic, o hiperrealismo ou a abstracción dixital. A súa produción caracterizouse pola constante exploración da cor, da forma e da emoción, sempre acompañada dun profundo respecto polos valores da inclusión e da diversidade. A súa personalidade, marcada por unha visión libertaria e unha forte implicación social, converteuno nun creador comprometido coa denuncia das inxustizas e coa defensa dunha sociedade máis xusta.

Durante o acto, o secretario da entidade, Chus Ruiz, foi o encargado de abrir as intervencións, destacando o papel de Leivas no panorama artístico e intelectual galego dos últimos anos. Pola súa banda, o vogal Pedro Leivas puxo o acento na dimensión humana e visionaria do artista, lembrando que xa de novo abordaba cuestións que hoxe cobran plena actualidade: “falaba de temas que daquela parecían imposibles e hoxe son unha realidade; foi un adiantado ao seu tempo”, sinalou.

Un dos piares da nova asociación será precisamente manter vivo ese pensamento crítico e transformador. Neste sentido, dende a directiva avanzaron a organización de actividades, encontros e publicacións que afonden en valores presentes na traxectoria de Leivas, como o ecoloxismo, a defensa do territorio, a diversidade cultural, os dereitos do colectivo LGBTQIA+, o antibelicismo ou o pensamento científico.

A vicepresidenta, Marián Ferreira, subliñou que a entidade aspira a ser moito máis ca un espazo de conservación, converténdose nun axente activo dentro da vida cultural galega. Segundo indicou, o artista entendía a creación como un ben compartido e colectivo, afastado de visións elitistas, o que marcou a súa forma de traballar e de relacionarse co tecido cultural.

Ata os seus últimos anos, Leivas mantivo unha actitude de constante experimentación, explorando novas técnicas e linguaxes, como as tintas chinesas, que lle permitiron seguir reinventándose. Dende a asociación consideran fundamental preservar ese espírito inquieto e aberto, así como un legado que xa foi exhibido en espazos como o Museo Provincial de Lugo.

O peche do acto correu a cargo da tesoureira, Pepa Carballeira, quen puxo o foco na vocación colaborativa da entidade, aberta á cooperación con institucións públicas e privadas de toda Galicia. Afirmou que o proxecto vai máis alá da conservación artística: “non gardamos só obras, senón tamén unha forma de entender a vida”, asegurou.

A presentación serviu tamén para facer un chamamento á cidadanía, convidando a quen posúa obras ou documentación relacionada con Mauro Leivas a poñerse en contacto coa asociación. O obxectivo é elaborar un arquivo o máis completo posible que permita reconstruír a súa traxectoria e garantir a transmisión do seu legado ás futuras xeracións.

0.12345600128174