Música, gastronomía e tradición volverán a reunirse na Romaría de Monte Castelo de Burela

O Monte Castelo de Burela acollerá do 24 ao 26 de xullo unha nova edición da súa tradicional romaría, unha cita que volverá combinar música, gastronomía, actividades familiares e tradición nunha fin de semana pensada para todos os públicos.
A celebración está organizada pola Asociación R.C.M. Amigos do Monte Castelo coa colaboración do Concello de Burela e de diferentes entidades e establecementos locais.
A programación dará comezo o venres 24 de xullo ás 20.00 horas cunha misa na igrexa de Vila do Medio. Posteriormente, ás 21.00 horas, terá lugar unha sardiñada popular cun menú composto por sardiñas, chicharro, cachelos, pan e viño, cun prezo de oito euros. Os tíckets poderán adquirirse previamente en distintos establecementos da localidade.
A xornada inaugural rematará coa música do grupo Pekados e do DJ Balbi, a partir das 22.30 horas.
O sábado 25 continuará a festa cunha sesión vermú ás 14.00 horas amenizada por SP The Sound Project. Pola tarde, entre as 17.00 e as 19.00 horas, celebrarase un concurso de disfraces con premios nas categorías grupal, parellas e individual. Ademais, desde as 18.00 horas, os máis pequenos poderán participar nos xogos infantís organizados por Gaia.
A música terá tamén un papel protagonista durante a tarde co DJ 'El Peli' e cun bingo musical presentado por Marisa Prisa. A noite pecharase cunha verbena a partir das 22.30 horas coas actuacións dos grupos Pantera Rosa e Gin Toni’s.
A romaría finalizará o domingo 26 de xullo cunha misa con procesión ás 13.00 horas na honra da Nosa Señora das Marabillas. Posteriormente, ás 14.00 horas, o Dúo Épok será o encargado de poñer música á sesión vermú.
Desde o Concello de Burela convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha celebración que mantén viva a tradición do Monte Castelo e que cada ano reúne gastronomía, convivencia e actividades para todas as idades.