Muras acolleu unha xornada de traballo para ampliar o modelo enerxético de Muras aos concellos do Xistral

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa
As propostas do BNG son que paguen pola potencia, que se promova a participación pública e comunitaria, e ampliar os destinos posibles de investimento para os recursos que reciben os concellos
debate-modelo-muras-enerxetico-ao-xistral
30 May 2026

O BNG celebrou en Muras unha xornada de traballo e análise sobre a enerxía eólica e sobre as posibilidades de obter un verdadeiro beneficio social da mesma para a veciñanza.

A primeira das mesas de análise estaba composta por Xosé Manuel Golpe, consultor enerxético na Oficina de Transformación enerxética da Deputación da Coruña, experto no mercado eléctrico e pioneiro das comunidades enerxéticas. Acompañaban a Golpe os membros do colectivo Bidán, Queico da Silva e Fernando Branco Parga, autores de varias publicacións sobre o sector eléctrico e que viaxan por todo o Estado coñecendo outros modelos enerxéticos.

A segunda mesa estivo formada por Olalla Rodil e Daniel Castro, deputados no Parlameento de Galicia, aos que acompañou o alcalde de Muras, Manuel Requeixo. Participaron tamén as concelleiras Paula Gómez e Azucena Camba.

A Serra do Xistral  abarca os montes dos concellos de Abadín, Alfoz, Cervo, Mondoñedo, O Valadouro, Ourol, Viveiro, Xove, Muras, Vilalba, Xermade e As Pontes, nunha superficie de 229 km2. Hai instalados máis 1300 aeroxeradores en pleno funcionamento que producen uns altos beneficios para as empresas de enerxía eólica que non teñen nada que ver co pouco beneficio social que reportan aos concellos e á veciñanza, a excepción do concello de Muras, gobernado polo BNG.

Neste contexto, nesta xornada contrapúxose a posición dun PP que goberna a favor do sector eléctrico coa do BNG, "que antepón os intereses da veciñanza aos das eléctricas", o que exemplificaron no concello de Muras, o municipio que ten máis muíños eólicos de toda Galicia e onde o goberno nacionalista, primeiro, puxo en marcha unha iniciativa pioneira para abaratar a factura da luz aos seus veciños e veciñas, e, agora, vén de lograr un salientable acordo con Iberdrola en favor do concello. Un acordo, explicaron os ponentes, que supón “un cambio de paradigma e que demostra como desde a negociación firme coas eléctricas se consegue moito máis que desde a submisión que practica o Partido Popular”. E engadiron tamén que “un concello do BNG foi capaz de facer o que Rueda é incapaz, que é negociar cara a cara cunha multinacional eléctrica para lograr un reparto máis xusto da riqueza eólica”.

O Modelo Muras tén que ser tamén o Modelo do Xistral

Desde os relatorios desenvoltos nas dúas mesas falaron da necesidade de exportar o modelo Muras a outros concellos, especialmente aos do Xistral, para que o Modelo Muras sexa tamén o Modelo Xistral. "É algo que todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións municipais de 2027 teñan claro isto nos seus programas e o leven á práctica cando accedan aos gobernos municipais e alcaldías. Só así poderán reverter os beneficios do noso vento nos concellos e na veciñanza, negociando con firmeza e en pé de igualdade coas eléctricas, e iso un concello pode e debe facelo", din.

As propostas do BNG son que paguen pola potencia, que se promova a participación pública e comunitaria, e ampliar os destinos posibles de investimento para os recursos que reciben os concellos.

A primeira é que as eléctricas paguen impostos tendo en conta a potencia eléctrica de cada parque eólico, con independencia de se esta está distribuída en 20 muíños ou se soamente hai dous.

En segundo lugar, o BNG propón que se promova a participación pública e comunitaria na xestión e aproveitamento dos recursos eólicos e, moi particularmente, de todo que ten que ver co impacto que estes teñen a nivel local.

E, en terceiro lugar, ampliar os destinos posibles de investimento para os recursos que reciben os concellos a través do canon eólico (o denominado fondo de compensación ambiental), permitindo que eses recursos tamén se poidan destinar a emprego, a manter servizos básicos ou a dinamizar o rural.

0.13332509994507