Mor renova a sinalización dos seus barrios para poñer en valor a identidade da parroquia

A parroquia de Mor, no Concello de Alfoz, conta xa cunha nova sinalización dos seus barrios, unha actuación que permite mellorar a identificación do territorio e reforzar a súa identidade local. Nos últimos días foron instalados os novos sinais, visibles xa nos distintos puntos da parroquia.
Desde a Asociación de Veciños de Mor explican que a colocación desta sinalización se realizou tomando como referencia os barrios recollidos tanto polo Instituto Nacional de Estatística (INE) como polo padrón municipal. Non obstante, recoñecen que Mor conserva unha rica tradición oral, con denominacións históricas e populares que forman parte da memoria colectiva da veciñanza.
O proxecto foi posible grazas a unha subvención da Deputación de Lugo, concedida no marco das axudas das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, destinadas a entidades sen ánimo de lucro. Estas liñas de apoio teñen como obxectivo financiar proxectos de investimento que contribúan á posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios protexidos.
A actuación supón un paso máis na conservación e divulgación da identidade da parroquia, ao tempo que facilita a orientación e o coñecemento dos seus barrios tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.