Mondoñedo viaxará á Belle Époque con “Mondoñedo no tempo” o 18 de xullo

AMariñaXa
A cidade recreará a vida de comezos do século XX cun paseo histórico, visita ao Pazo de San Isidro e inscrición previa obrigatoria
mondonedo-no-tempo-xullo-2026
2 Jul 2026

O vindeiro sábado 18 de xullo, a partir das 18.00 horas, Mondoñedo converterase nun escenario vivo do pasado coa celebración da actividade “Mondoñedo no tempo”, unha proposta gratuíta de recreación histórica que permitirá aos participantes mergullarse na vida cotiá da cidade a principios do século XX, no contexto da chamada Belle Époque.

A experiencia dará comezo na Praza da Catedral, punto de partida dun percorrido guiado por diferentes espazos de interese patrimonial e histórico do municipio. O itinerario continuará polas rúas máis emblemáticas ata chegar ao Barrio dos Muíños, onde a actividade culminará cunha visita ao Pazo de San Isidro. Neste espazo, os asistentes poderán coñecer a súa historia e valor patrimonial, ademais de inmortalizar a xornada en distintas estancias dun dos inmobles máis representativos da zona.

A iniciativa busca ofrecer unha inmersión completa no ano 1900, recreando non só os espazos senón tamén o ambiente, os costumes e o estilo de vida da época. Para poder participar, será imprescindible realizar inscrición previa na Oficina Municipal de Turismo de Mondoñedo, de forma presencial, chamando ao 982 50 71 71 ou enviando un correo electrónico a turismo@concellomondonedo.es.

No momento da inscrición, facilitarase aos participantes unha guía de vestiario de obrigado cumprimento, necesaria para manter a fidelidade histórica da recreación. Ademais, desde a organización destacan que a moda indiana tan característica da comarca tamén será válida e encaixa perfectamente na estética da época representada.

0.13326287269592