Mondoñedo revivirá o ano 1900 cunha viaxe histórica pola cidade o 18 de xullo

AMariñaXa
“Mondoñedo no tempo” propoñerá unha experiencia inmersiva gratuíta con percorrido guiado, recreación da Belle Époque e visita ao Pazo de San Isidro
mondonedo-no-tempo-xullo-2026
17 Jul 2026

Mondoñedo ofrecerá o vindeiro sábado 18 de xullo unha proposta singular para coñecer o seu pasado dun xeito diferente coa actividade “Mondoñedo no tempo”, unha recreación histórica gratuíta que levará aos participantes á vida cotiá da cidade a comezos do século XX, no marco da denominada Belle Époque.

A xornada dará comezo ás 18.00 horas na Praza da Catedral, onde se iniciará un itinerario guiado que percorrerá distintos puntos de interese histórico e patrimonial do municipio. A actividade avanzará polas rúas da cidade ata chegar ao Barrio dos Muíños, lugar no que rematará o percorrido cunha visita ao Pazo de San Isidro. Alí, as persoas asistentes poderán afondar na historia do inmoble e no seu valor patrimonial, ademais de participar nunha experiencia máis próxima e visual nas súas diferentes estancias.

A proposta busca reproducir o ambiente do ano 1900, coidando a ambientación, os costumes e a vida diaria da época, co obxectivo de ofrecer unha inmersión completa na historia local. Para participar será necesario inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo de Mondoñedo, ben de forma presencial, chamando ao 982 50 71 71 ou enviando un correo electrónico a turismo@concellomondonedo.es.

No momento da inscrición entregarase unha guía de vestimenta de obrigado cumprimento para formar parte da recreación, garantindo así a coherencia histórica da experiencia. Ademais, desde a organización lembran que a moda indiana, moi presente na tradición da comarca, tamén se considera axeitada para a caracterización da época.

0.11853003501892