Mondoñedo reunirá experiencias sobre os montes veciñais como motor de desenvolvemento

AMariñaXa
O encontro celebrarase o 17 de decembro no Pazo de San Tomé e incluirá relatorios, unha mesa redonda e un espazo de traballo centrado na realidade da Mariña
Ies-instituto-San-Rosendo-Mondonedo-
27 Nov 2026

Os montes veciñais en man común e o seu papel no desenvolvemento do territorio serán os protagonistas dunha xornada que se celebrará o vindeiro 17 de decembro en Mondoñedo. Baixo o título "Os MVMC, motor de desenvolvemento territorial: desafíos e oportunidades", a iniciativa reunirá representantes de comunidades de montes, especialistas e persoas vinculadas ao ámbito forestal para compartir experiencias e abordar os retos de futuro destes espazos.

A actividade desenvolverase no salón de actos do Pazo de San Tomé e comezará ás 9.30 horas cunha charla sobre "A importancia dos montes veciñais en man común no desenvolvemento territorial. Pasado, presente e futuro". Intervirán Mar Pérez Fra, profesora do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Lara Barros Alfaro, impulsora de Mulime, un proxecto profesional de investigación histórica para comunidades de montes veciñais en man común.

Ás 11.30 horas haberá unha pausa para o café, acompañada dunha mostra de experiencias sobre aproveitamentos forestais desenvolvidas polo IES Plurilingüe San Rosendo. A programación continuará ás 12.30 horas cunha mesa redonda na que se presentarán iniciativas inspiradoras de distintas comunidades. Participarán Ov​​idio Queiruga, da comunidade de montes de Baroña; Xabier Loureiro, de Lantaño; José Manuel Espiño, do Castro, en Friol; Ofelia Gruñeiro, de Carracedo, en Mondoñedo, e David Río, do proxecto Redenerxia. A sesión estará coordinada por Pilar Orol, de Tenzas Enxeñería e presidenta da FSC España.

Pola tarde, ás 16.00 horas, terá lugar unha mesa de traballo dedicada aos desafíos das comunidades de montes da Mariña. Nela intervirán Alejandro Fernández, de Frexulfe, no Valadouro; Henar Román, de Labrada, en Abadín; José Luis García, de Figueiras, en Mondoñedo; Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, e Beatriz Omil, subdirectora xeral de Recursos Forestais. O profesorado do IES Plurilingüe San Rosendo será o encargado de coordinar este espazo de análise e intercambio.

A xornada está organizada por A Granxa do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo e pretende favorecer o diálogo arredor da xestión dos montes veciñais, poñendo en común experiencias e propostas para aproveitar as súas posibilidades e afrontar os desafíos que condicionan o seu futuro.

0.16147398948669