Mondoñedo recupera o legado de Andrea López Chao, pioneira na defensa das mulleres galegas en Cuba

Mondoñedo continúa reivindicando a figura de Andrea López Chao, docente mindoniense que destacou pola súa defensa dos dereitos das mulleres galegas emigradas a Cuba a comezos do século XX. O Parlamento de Galicia renderalle homenaxe o vindeiro 4 de novembro coa lectura dunha declaración institucional que recoñecerá a súa traxectoria e a importancia do seu legado na historia galega.
Como parte das iniciativas para dar a coñecer a súa vida e obra, o martes 27 de outubro, ás 20.00 horas, estrearase o documental "O legado dunha mestra galega en Cuba. O poder de educar", dirixido por Violeta Ramos e Daniel Vázquez Vila e producido por Animatium. A proxección celebrarase no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, por iniciativa do Concello de Mondoñedo e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A recuperación da memoria de Andrea López Chao comezou a tomar forma no municipio en 2022, coa colocación dunha placa no Parque da Lembranza do Cemiterio Vello. Tres anos despois, en 2025, Mondoñedo dedicoulle unha rúa. A súa contribución tamén foi abordada por especialistas galegos e internacionais nas Xornadas do Peregrino organizadas pola Asociación Abrindo Camiño, cuxas intervencións deron lugar ao libro "Camiño de Santiago e Emigración. Homenaxe a Andrea López Chao", editado pola Deputación de Lugo.
López Chao instalouse en Cuba nos primeiros anos do século XX para encargarse do ensino que o Centro Galego ofrecía á comunidade emigrante. Alí destacou polo seu compromiso social e pola súa participación en iniciativas feministas, nun contexto no que numerosas mulleres galegas vivían en situacións de vulnerabilidade e carecían de recursos e atención sanitaria e social.
A súa implicación estivo vinculada a Hijas de Galicia, unha institución de referencia na historia da emigración, que contou co hospital de obstetricia Concepción Arenal. A socióloga feminista Judith Astelarra definiu esta entidade como a maior iniciativa asistencial para mulleres emigradas no mundo.
Outro fito da súa traxectoria foi a participación no I Congreso Nacional de Mulleres de Cuba, celebrado en 1923, que reforzou o seu papel como unha das voces pioneiras na defensa dos dereitos femininos a ambos os dous lados do Atlántico. López Chao seguía as ideas de Concepción Arenal, figura fundamental do pensamento social e feminista.
O seu legado foi investigado polo historiador cubano Julio César González Pagés e por especialistas galegos como Martín Fernández Vizoso, Prudencio Viveiro, Andrés García Doural e Antonio Reigosa. Seguindo a iniciativa impulsada desde Mondoñedo, a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas Neira Vilas da Universidade da Habana, dirixida pola filóloga galega Arantxa Fernández Crespo, promove actividades anuais sobre a contribución das mulleres galegas en Cuba, co apoio do Consello da Cultura Galega.
A declaración institucional que aprobará o Parlamento galego pretende ampliar este recoñecemento á contribución das mulleres galegas que, dentro e fóra do país, axudaron a construír unha sociedade máis xusta e con maiores oportunidades. O texto tamén busca incorporar a obra e os valores de Andrea López Chao ao patrimonio histórico e social compartido por Galicia.