Mondoñedo recupera o esplendor das San Lucas con dez días de tradición, cabalos e música

Mondoñedo volverá situarse no centro da tradición galega coa celebración das San Lucas, que este ano alcanzan os 870 anos de historia. A cita desenvolverase entre o 16 e o 25 de outubro cun programa que manterá como eixo a actividade gandeira e os cabalos, ao tempo que incorporará propostas musicais, folclóricas, ecuestres, infantís e de humor.
A esencia das festas seguirá ligada á presenza dos animais e á actividade das explotacións gandeiras. Durante a presentación da programación destacou que "o corazón das San Lucas está na baixada dos cabalos e nos curros da feira", unha tradición que depende da continuidade da gandería, especialmente da cría de cabalos en liberdade no monte, como actividade produtiva e con capacidade para garantir o relevo xeracional. No acto tamén se lembrou a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo.
As festas arrancarán o venres 16 de outubro co pregón de Luis Rego Valcarce, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga. A primeira noite completarase coa verbena de Los Players e New York.
O sábado 17 chegará un dos momentos máis representativos das San Lucas, coa presenza dos cabalos nas rúas de Mondoñedo. O tradicional paso pola Praza da Catedral está programado para as 18.45 horas. A xornada contará tamén coa música de Suavecito e Marbella e, pola noite, Keepers e The Rapants actuarán na Praza do Seminario a partir das 22.30 horas.
O domingo 18 será a quenda da Gran Feira Tradicional, unha das citas centrais da programación. A música terá un papel destacado con dous concertos de Abraham Cupeiro, ás 17.00 e ás 19.30 horas na Praza da Catedral. A xornada incluirá tamén as actuacións de Salsarena, Principal e D'Kriss.
A tradición ecuestre continuará esa noite cun espectáculo de doma nocturna protagonizado por Kevin Ferreira, Javier Simón e Lola Elías. A proposta volverá repetirse o luns 19, xornada na que tamén se celebrará o Día do Neno, con actividades pensadas para os máis pequenos. A música correrá a cargo de Costa Dorada e Capitol.
O martes 20 continuarán as actuacións musicais con Trébol e Los Satélites. Xa o venres 23, Los Coleguitas de Venezuela levarán a súa proposta á Praza do Concello, mentres que o humor ocupará o Auditorio Municipal Pascual Veiga co monólogo de David Perdomo, ás 20.30 horas.
A recta final das San Lucas terá un marcado carácter tradicional e musical. O sábado 24 comezará cunha sesión vermú de Zest e, desde as 12.00 horas, os xogos tradicionais de Xotramu. Pola tarde, ás 17.00 horas, un pasarrúas dará paso a un encontro folclórico na Praza do Concello no que participarán Os do 21 do Vicedo, A Subela de Foz e Ledicia de Burela.
A noite estará reservada para dous dos principais concertos desta edición. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre actuarán ás 20.30 horas na Praza da Catedral, con entrada gratuíta, e ás 22.30 horas chegará a quenda de Luar na Lubre, tamén de balde.
As festas despediranse o domingo 25 de outubro cunha sesión vermú de Superglú na Praza do Concello. Deste xeito, Mondoñedo pechará dez días de celebración nos que a música e os espectáculos acompañarán unha tradición con 870 anos de historia, mantendo no centro os cabalos, a feira e a actividade gandeira e incorporando ao mesmo tempo propostas destinadas a públicos de diferentes idades.