Mondoñedo prohibe temporalmente o baño na área recreativa da Fervenza por contaminación microbiolóxica

AMariñaXa
As análises realizadas no río Tronceda detectan niveis elevados de Escherichia coli e enterococos intestinais, superiores aos límites permitidos para o baño
Fervenza-rio-troncedo-mondoñedo
29 Jul 2026

O Concello de Mondoñedo anunciou a prohibición temporal do baño na área recreativa da Fervenza despois de que as últimas análises da auga detectasen unha contaminación microbiolóxica por riba dos valores establecidos para garantir a seguridade das persoas usuarias.

Segundo a comunicación remitida pola Consellería de Sanidade ao Concello, as mostras recollidas o pasado 26 de xullo no río Tronceda, á altura do Coto da Recadeira, revelaron a presenza de máis de 2005 NMP por cada 100 mililitros de Escherichia coli e máis de 2005 NMP de enterococos intestinais, cifras que superan os límites aceptables fixados pola normativa vixente para as augas de baño.

Ante estes resultados, a administración local procedeu ao peche da zona de baño e informou de que a medida permanecerá en vigor ata que novas analíticas confirmen que a auga recuperou as condicións sanitarias necesarias para o seu uso recreativo.

Ademais da prohibición, o Concello instalou a correspondente sinalización informativa na contorna da área recreativa e solicita á veciñanza e ás persoas visitantes que respecten as indicacións establecidas para evitar posibles riscos para a saúde.

A Consellería de Sanidade tamén instou ao Concello a identificar as posibles causas que provocaron esta contaminación microbiolóxica e a adoptar as actuacións necesarias para reducila ou eliminala, de acordo coa lexislación que regula a calidade das augas de baño.

Desde o Concello de Mondoñedo agradecen a colaboración cidadá e lembran que a reapertura da zona de baño dependerá dos resultados das próximas análises, que deberán confirmar que a calidade da auga volve cumprir cos parámetros esixidos.

0.12441492080688