Mondoñedo programa actos e actividades educativas polo 25N para rexeitar a violencia machista

Mondoñedo volverá expresar o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o 25 de novembro. O Concello e o Centro de Información á Muller (CIM) preparan un programa de actividades ao longo deste mes para implicar a veciñanza e promover unha sociedade libre de violencias.
A convocatoria central terá lugar o propio mércores 25 de novembro, ás 12.00 horas, na Praza do Concello. Será un acto aberto ao público xeral no que se fará visible o compromiso colectivo contra a violencia de xénero.
A programación incluirá tamén unha iniciativa simbólica de iluminación, baixo o lema "Luces pola igualdade". Entre os días 23 e 29 de novembro, a Casa do Concello e a Fonte Vella contarán cunha iluminación especial a partir do anoitecer, co obxectivo de dar visibilidade á conmemoración.
O ámbito educativo terá igualmente protagonismo durante estas semanas. Os centros escolares acollerán ao longo de novembro o escape room "A viaxeira no tempo", unha actividade dirixida á mocidade para traballar a sensibilización e a concienciación sobre a violencia contra as mulleres.
Desde o Concello e o CIM fan un chamamento á participación da cidadanía nas diferentes propostas e lembran a importancia de sumar esforzos para avanzar cara a unha sociedade na que todas as persoas poidan vivir libres de violencia.