Mondoñedo prepárase para un Entroido repleto de festas e premios

O Concello de Mondoñedo vén de dar a coñecer a programación do Entroido 2026, que se celebrará entre os días 7 e 21 de febreiro cunha proposta festiva que combina tradición, animación musical e convivencia veciñal. O calendario conta coa colaboración do Círculo Recreativo Casino de Mondoñedo e da AC Pasatempo, e está deseñado para ofrecer actividades variadas ao longo de dúas semanas tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
A programación abrirase o sábado 7 de febreiro co IV Cocido – Baile O Pasatempo, que terá lugar na Finca San Antonio e estará amenizado polo Dúo EPO-K e o Trío Merengue. As persoas interesadas poderán consultar directamente coa organización os prezos e condicións de participación.
O venres 13 de febreiro será a quenda da tradicional Cea de Comadres, que se celebrará no Círculo Recreativo Casino, unha cita xa consolidada no Entroido mindoniense e que cada ano reúne a un amplo número de participantes. A información sobre os prezos deberá solicitarse tamén á entidade organizadora.
As actividades continuarán o martes 17 de febreiro cun Baile Infantil no Círculo Recreativo Casino, organizado polo Concello en colaboración coa entidade, que contará coa actuación de DJ HH e os seus personaxes fantásticos. A festa infantil terá entrada libre e está pensada para que os máis pequenos tamén sexan protagonistas do Entroido.
O día grande chegará o sábado 21 de febreiro, xornada central do Entroido de Mondoñedo, cun completo programa que terá como principal atractivo o Gran Desfile do Entroido, dotado con máis de 5.000 euros en premios. A xornada comezará ao mediodía coa animación das comparsas polas rúas do centro e continuará cunha sesión vermú na praza do Concello a cargo do grupo D´KRISS. Pola tarde, a partir das 17.30 horas, iniciarase o desfile desde o Campo dos Paxariños ata a Praza da Catedral, para dar paso posteriormente ao baile de disfraces e á entrega de premios na praza do Concello. A festa prolongarase durante a noite coa actuación do grupo D´KRISS, coa entrega dos premios infantís ás dez da noite e dos premios de adultos pasada a medianoite.
Como peche da xornada, o Círculo Recreativo Casino organizará un ano máis o tradicional Baile de Piñata nas súas instalacións, cuxos prezos deberán consultarse directamente coa entidade.
Desde o Concello de Mondoñedo animan á participación activa da cidadanía e convidan a vivir un Entroido cheo de cor, humor e ambiente festivo, nun escenario único como é o casco histórico da cidade.