Mondoñedo ofrece un curso gratuíto de iniciación á lingua e á cultura galegas

AMariñaXa
A formación, de 20 horas e dirixida a maiores de 16 anos, celebrarase do 20 ao 30 de outubro no Pazo Santomé
lingua-galega-recurso
3 Oct 2026

O Concello de Mondoñedo, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, organizará este mes de outubro un curso de introdución á lingua e á cultura galegas destinado a persoas maiores de 16 anos que queiran achegarse ao galego desde un nivel inicial.

A actividade será presencial, gratuíta e terá unha duración total de 20 horas de formación. As sesións desenvolveranse no Pazo Santomé, no Centro Comarcal de Mondoñedo, situado na rúa Julia Pardo Montenegro, número 13.

O curso está programado para os días 20, 21, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de outubro, en horario de 16:30 a 19:00 horas. Ao finalizar a formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo.

A iniciativa busca favorecer o uso do galego e achegar o coñecemento da cultura de Galicia a diferentes sectores da poboación e aos distintos ámbitos da vida social. A proposta presta especial atención ás persoas procedentes do exterior que están a incorporarse á sociedade galega e que desexan coñecer a lingua e a cultura do territorio no que viven.

Ao longo das sesións abordaranse cuestións básicas relacionadas coa lingua galega, con contidos centrados no vocabulario e na expresión oral e escrita. A formación tamén permitirá coñecer diferentes aspectos da cultura e da historia de Galicia, con referencias ás súas festas, tradicións, gastronomía, música e evolución histórica.

Outro dos obxectivos será proporcionar ferramentas útiles para facilitar a comunicación nas situacións habituais do día a día, de maneira que as persoas participantes poidan adquirir recursos prácticos para desenvolverse en galego en diferentes contextos.

As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Mondoñedo ou a través do teléfono 982 524 003, extensión 8.

0.14379405975342