Mondoñedo inaugura as Festas das Quendas cunha aposta pola tradición e o sector agrogandeiro

AMariñaXa
A Deputación de Lugo reforza o seu apoio a unha das celebracións máis antigas de Galicia cunha achega económica e presenza institucional
As Quendas de Mondoñedo Deputacion 2026
1 May 2026

A cidade de Mondoñedo deu comezo ás Festas das Quendas cun acto inaugural que combinou tradición, cultura e reivindicación do papel do sector agrogandeiro. A celebración, que se prolongará ata o 3 de maio, conta co apoio da Deputación de Lugo, que colabora cunha achega económica para reforzar unha das citas máis antigas de Galicia.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou na apertura oficial, celebrada no Auditorio Municipal Pascual Veiga, onde destacou a importancia de preservar as tradicións vinculadas ao rural e apoiar a produción de proximidade. Durante a súa intervención, puxo en valor o papel das razas autóctonas e a súa contribución á economía e á identidade do territorio.

O pregón correu a cargo da investigadora María Josefa Lombardero Díaz, quen ofreceu unha visión centrada na sustentabilidade e na protección dos ecosistemas.

A programación incluíu tamén a Feira Tradicional de Gando e Razas Autóctonas, na que o deputado Daniel García fixo entrega dos premios. Na categoría de maior número de cabezas de gando cabalar, o primeiro posto foi para Xan das Bouzas, seguido de Javier Ares e Abel Sánchez. O premio ao mellor cabalo de Pura Raza Galega foi para Candaoso, de Javier Ares, mentres que o segundo recaeu en Rango de Caxigueira, de Moisés García.

O recoñecemento ao mellor poldro do ano 2026 foi para un exemplar fillo de Cantora, propiedade de Samuel Otero. Pola súa banda, o premio ao cabalo mellor engalanado ao xeito tradicional foi para Turco, de Iker García.

Na categoría de cabalos percheróns, Luna, de Carlos Fraga, acadou o primeiro posto, seguida de Berta, de Lorenzo Veiga. Ademais, Cristiano, de Miguel Jiménez, foi distinguido como mellor burro, mentres que o galardón ao xinete máis novo recaeu en Rubén Vázquez, de 7 anos.

A cita volveu amosar o peso da actividade gandeira na Mariña interior e consolidarse como un referente na promoción do sector e do patrimonio cultural ligado ao mundo rural.

PROGRAMA

0.12587904930115