Mondoñedo homenaxeará a Francisco Piñeiro o sábado coa entrega do título de Fillo Predilecto

AMariñaXa
O acto terá lugar no Auditorio Municipal Pascual Veiga e incluirá intervencións de persoas vinculadas ao homenaxeado, actuacións musicais e a entrega da distinción
Francisco-Pineiro-mondonedo-fillo-predilecto
7 Nov 2026

Mondoñedo renderá homenaxe este sábado, 14 de novembro, a Francisco Piñeiro González, nun acto público no que recibirá oficialmente o título de Fillo Predilecto do municipio. A celebración desenvolverase a partir das 18.30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga, con entrada gratuíta.

A convocatoria reunirá distintas persoas que compartirán lembranzas e recoñecerán a traxectoria de Piñeiro, especialmente a súa contribución á cultura, á educación e á dinamización social. Está prevista a participación de Pepe Peinó, Francisco Cal Pardo, Xulio Xiz, Xosé Vicente Mon, Antón Caxoto, Bernardo Penabade e Alfonso Villares, que intervirán ao longo da homenaxe.

A música tamén terá un papel destacado na xornada, con actuacións de J. Luis Rodríguez 'Rosino' e dos Acordeonistas da Mariña. Un dos momentos centrais será a entrega a Paco Piñeiro da distinción como Fillo Predilecto de Mondoñedo, recoñecemento que culmina o proceso iniciado tras a aprobación unánime da proposta no pleno municipal en agosto de 2025.

O programa completarase coas intervencións de Manuel A. Otero Legide, Antonio Reigosa e María Paz Rodríguez Silva. Ademais, as persoas asistentes recibirán un xornal monográfico dedicado á figura do homenaxeado.

Francisco Piñeiro González, nado en Mondoñedo en 1956, é profesor xubilado, escritor, etnógrafo e impulsor de numerosas iniciativas culturais e teatrais. Ao longo da súa traxectoria promoveu agrupacións de teatro afeccionado na Mariña, escribiu numerosas obras e contribuíu á recuperación e difusión da memoria cultural da comarca. A súa vinculación coa educación e coa actividade cultural deixou tamén pegada noutros municipios nos que desenvolveu o seu labor docente e asociativo.

0.16867899894714