Mondoñedo estuda acudir á Valedora do Pobo polo estado da N-634

AMariñaXa
Mondoñedo estuda acudir á Valedora do Pobo á vista de que o Goberno non executa as melloras na N-634, previstas dende 2017
mondonedo n634
mondonedo n634
13 Maio 2022

O goberno local fai este anuncio logo de coñecerse que A-8 tivo que ser pechada e destaca a necesidade de instalar iluminación nas interseccións da nacional.

Esta mañá, de novo estivo cortada ao tráfico a autovía A-8, a causa da néboa, e, unha vez máis, o tráfico tivo que ser desviado pola N-634. O Concello de Mondoñedo, á vista de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana "non acaba de atender as súas demandas de melloras nesta vía", indica que "non descarta pedir o amparo da Valedora do Pobo, dado que o estado da estrada ocasiona situación de risco para o trafico rodado".

O goberno local agarda as melloras precisas na citada vía dende 2017. Neste ano, a entón alcaldesa, Elena Candia, xa solicitara en xullo unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para reivindicar unha actuación para mellorar o estado de conservación da vía. Esta petición xa fora trasladada en anteriores ocasións e o Executivo local xa conseguira o compromiso do Goberno do Estado para levar a cabo o estudo do proxecto para a mellora da seguridade vial na N-634 en abril dese ano. A intervención debía atender a substitución da capa de microaglomerado, mellora na sinalización, balizamento e defensas; acondicionamento e mellora das interseccións e limpeza e perfilado de cunetas, así como o peche de zonas onde poidan aparecer animais soltos.

O ano pasado, o Concello insistiu na súa demanda da execución das obras precisas na N-634. O goberno reivindicou, unha vez máis, o arranxo urxente desta estrada que presenta un firme en mal estado, co asfalto desgastado, e con iluminación e sinalización horizontal deficiente que dificultan a circulación de vehículos en condicións de seguridade nos días de néboa que son, precisamente, os casos nos que a N-634 ten que absorber o tráfico desviado da autovía A-8. 

Como hai un ano, o goberno municipal destaca que “agora, co comezo da época estival, os desvíos do tráfico pola nacional son máis frecuentes debido á maior frecuencia na aparición de néboas no alto do Fiouco”.  Destacan así a necesidade de dotar de iluminación esta estrada no tramo de Mondoñedo.

0.18847513198853