Mondoñedo distingue a Paco Piñeiro como Fillo Predilecto pola súa achega á cultura e ao ensino

A celebración contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, que destacou o compromiso de Piñeiro coa educación e coa cultura. Villares puxo en valor o seu labor como escritor e mestre, así como a influencia que exerceu sobre varias xeracións de mariñáns que se achegaron ao teatro grazas ás agrupacións que impulsou. Tamén salientou a súa defensa da lingua galega e a súa vinculación co territorio, ao que considera un referente tanto na creación de ficción como na publicación de ensaios.
A homenaxe incluíu as intervencións de Pepe Peinó, Francisco Cal Pardo, Xulio Xiz, Xosé Vicente Mon, Antón Caxoto, Bernardo Penabade e Alfonso Villares, que compartiron reflexións e lembranzas sobre a figura do homenaxeado. Tamén participaron Manuel A. Otero Legide, Antonio Reigosa e María Paz Rodríguez Silva.
A música tivo igualmente presenza no programa, con actuacións de J. Luis Rodríguez 'Rosino' e dos Acordeonistas da Mariña. As persoas asistentes recibiron ademais un xornal monográfico dedicado á vida e á obra de Paco Piñeiro.
Nado en Mondoñedo en 1956, Francisco Piñeiro González é profesor xubilado, escritor e etnógrafo. Ao longo da súa carreira promoveu diferentes iniciativas culturais e agrupacións de teatro afeccionado na Mariña, ademais de escribir numerosas obras e traballar na recuperación e divulgación da memoria cultural da comarca. A súa actividade docente e asociativa tamén deixou pegada noutros municipios nos que desenvolveu o seu labor.
A concesión do título culmina o procedemento iniciado tras a aprobación unánime da proposta no pleno municipal de agosto de 2025. A distinción recoñece así a contribución dunha figura estreitamente ligada á vida cultural de Mondoñedo e da Mariña.