Mondoñedo continúa coa organización das San Lucas
Mondoñedo continúa a configurar os espazos dentro das feiras e festas das San Lucas tras varias reunións de traballo con todos os axentes implicados na organización deste evento. Miguel Paz, presidente da Asociación Cultural as San Lucas sinala a importancia de organizar os espazos.
“Na Alameda estarán as orquestras, o polbo e as atraccións no campo da feira coma sempre, a feira e a maquinaria e os postos nas rúas sinaladas, a doma nocturna na praza da catedral, as actividades cos cabalos serán no recinto da granxa e o concerto na praza do seminario “.
Ademais este ano todos os postos deberán estar inscritos antes do 7 de outubro, “con isto o que pretendemos e poder situar mellor a todos e crear un espazo máis organizado e efectivo para eles e para os visitantes”. Os postos da rúa deberán cumprimentar un novo formulario que leva consigo unha declaración xurada, mentres que o resto de postos e atraccións deberán cumprimentar o anexo como todos os anos e deberán ter a conseguinte autorización municipal.
Pola súa parte, Manuel Ángel Otero Legide sinala que pretenden que “todo o que veña as San Lucas se sinta como na casa, tanto os feirantes como visitantes” e agradece o traballo da comisión, así como o de todas as administración para que isto sexa posible.