Mondoñedo busca os seus recunchos máis especiais para ilustrar o calendario de 2027

O Concello de Mondoñedo pon en marcha unha nova edición do concurso fotográfico "O Mellor Recuncho de Mondoñedo", que chega á súa undécima convocatoria co obxectivo de seleccionar as imaxes que darán forma ao calendario municipal de 2027. Baixo o lema "Elixe o lugar de Mondoñedo que máis che gusta", a iniciativa busca descubrir e poñer en valor os espazos máis singulares da localidade a través da mirada da veciñanza e das persoas participantes.
O prazo para presentar os traballos xa está aberto e permanecerá así ata o sábado 28 de novembro. Cada participante poderá enviar unha única fotografía, que deberá remitirse en formato dixital ao enderezo recunchosdemondonedo@gmail.com. No asunto do correo haberá que indicar "Concurso Fotografía 2026", mentres que no corpo da mensaxe deberán figurar o nome da persoa autora e un teléfono de contacto.
As imaxes terán que presentarse en formato JPG, TIF ou BMP e cun tamaño superior aos 750 KB. Desde o Concello recomendan enviar os arquivos orixinais, xa que as fotografías descargadas das redes sociais ou compartidas a través de WhatsApp poden perder calidade e non contar coa resolución necesaria para a súa posterior impresión no calendario.
Como en edicións anteriores, o certame contará con tres fotografías premiadas. As bases completas poden consultarse na páxina web municipal, www.concellomondonedo.es, e tamén nas redes sociais do Concello.