Mondoñedo avanza na creación de 11 vivendas públicas coa recuperación de edificios do seu casco histórico

AMariñaXa
As actuacións, incluídas no programa Rexurbe, permitirán ampliar a oferta residencial e rehabilitar inmobles emblemáticos da localidade
Rexurbe-Mondoñedo-2026
5 Jun 2026

Mondoñedo continúa avanzando na recuperación do seu patrimonio urbano e na ampliación da oferta de vivenda pública coa posta en marcha dunha nova actuación na rúa Febrero. As obras xa comezaron nun inmoble situado no número 30 desta vía e forman parte dun proxecto máis amplo que prevé a creación de once vivendas de promoción pública no municipio.

O delegado territorial do Goberno autonómico en Lugo, Alfonso Villares, visitou recentemente os traballos, que permitirán transformar a antiga edificación nunha vivenda de dúas plantas e dous dormitorios. O inmoble contará cunha superficie útil de 83,4 metros cadrados e manterá un patio exterior de 16,4 metros cadrados no que se conservará unha pequena estrutura destinada a almacenaxe ou lavadoiro. O investimento nesta actuación supera os 280.000 euros.

A intervención forma parte dun contrato adxudicado o pasado mes de marzo por un importe global de máis de 2,8 millóns de euros e que abrangue a recuperación de seis edificios diferentes do centro histórico mindoniense. O obxectivo é habilitar un total de dez vivendas públicas, ás que se suma outra que xa está en execución na rúa Peña de Francia.

Entre os proxectos previstos figura a rehabilitación dun inmoble na praza Muíños de Arriba para crear unha vivenda e un rocho. Ademais, os edificios situados nos números 7 e 9 da rúa Guevara albergarán catro vivendas de promoción pública e catro espazos de almacenaxe, mentres que outro inmoble da rúa Álvaro Cunqueiro será acondicionado para acoller dúas novas vivendas.

As actuacións tamén inclúen melloras nun edificio da rúa Progreso, onde se levarán a cabo traballos de reforzo estrutural e actuacións destinadas a incrementar a eficiencia enerxética do inmoble.

Paralelamente, encóntranse moi avanzadas as obras iniciadas o pasado verán no número 4 da rúa Peña de Francia. Neste caso estase habilitando unha vivenda destinada ao alugueiro para persoas menores de 36 anos, cun investimento próximo aos 300.000 euros.

Segundo explicou Alfonso Villares, estas intervencións forman parte do programa Rexurbe, que combina a recuperación do patrimonio construído coa creación de novas oportunidades de acceso á vivenda. Neste sentido, lembrou que Mondoñedo foi o primeiro municipio galego en contar cunha Área Rexurbe, declarada en 2020, unha ferramenta que permitiu impulsar a revitalización residencial e social do seu centro histórico.

0.12185192108154