Mondoñedo acollerá unha xornada sobre as oportunidades sostibles do monte no Día do Medio Ambiente

AMariñaXa
O encontro reunirá expertos, produtores e entidades do rural para analizar iniciativas relacionadas coa biodiversidade, o turismo de natureza ou o aproveitamento de recursos forestais
MONDOÑEDO-pazo-san-tome
28 May 2026

O Pazo de San Tomé, en Mondoñedo, converterase o vindeiro 4 de xuño nun espazo de reflexión e intercambio de experiencias arredor do futuro do medio rural coa celebración da xornada “O monte máis alá da madeira: oportunidades en produtos e servizos sostibles”. A iniciativa enmárcase no programa “Creando sinerxias no rural”, promovido polo GDR Terras de Miranda en colaboración co IES Plurilingüe San Rosendo.

A actividade desenvolverase coincidindo coa celebración do Día do Medio Ambiente e nace coa intención de abrir novas vías de análise sobre o potencial económico, social e ambiental dos montes galegos, poñendo o foco en alternativas sostibles máis aló do aproveitamento madeireiro tradicional.

Durante toda a mañá, o encontro reunirá profesionais do sector forestal, representantes de comunidades de montes, investigadores, produtores e persoas vinculadas ao emprendemento rural para compartir proxectos, experiencias e modelos de desenvolvemento ligados ao territorio.

O programa estruturarase arredor de dúas mesas redondas. A primeira delas abordará cuestións relacionadas cos servizos ecosistémicos, a biodiversidade, o turismo de natureza e a xestión comunitaria dos montes. Neste espazo participarán Laura Lagos, da Universidade da Coruña; Pilar Orol, de Tenzas Enxeñería; Pedro Rolle, de O Freixo dos Lobos; e Alejandro Fernández, da comunidade de montes veciñais de Frexulfe.

A segunda mesa centrarase nas posibilidades produtivas e económicas do monte a través de iniciativas vinculadas á apicultura, á gandaría extensiva, ao aproveitamento micolóxico e á extracción de resina. Nela intervirán Javier Vázquez, Mónica Requeijo, Inés López e Fran J. Domínguez, representantes de diferentes proxectos ligados ao aproveitamento sostible dos recursos naturais.

A xornada arrancará ás 10.00 horas coa presentación institucional e prolongarase ata o mediodía nas instalacións do Pazo de San Tomé, situado na parroquia mindoniense de Julia Pardo.

Desde a organización destacan que o encontro pretende converterse nun espazo para crear conexións, compartir coñecemento e impulsar novas oportunidades económicas no rural, reforzando ao mesmo tempo a conservación ambiental e a valorización dos recursos do territorio.

0.11747717857361