Mondoñedo acollerá unha xornada de debate sobre o futuro da vivenda nos cascos históricos

O Centro Comarcal – Pazo de San Tomé de Mondoñedo converterase o vindeiro venres 8 de maio nun espazo de reflexión arredor da vivenda nos cascos históricos, nunha xornada organizada polo BNG que reunirá a profesionais, académicos e responsables políticos para abordar os desafíos actuais e as posibles solucións.
A cita, prevista para as 19:30 horas, busca poñer sobre a mesa cuestións clave como a recuperación do espazo público, o acceso á vivenda ou a dinamización social e económica dos centros urbanos tradicionais, cada vez máis afectados polo despoboamento e o envellecemento.
Entre as intervencións destaca a de Xaquín Moreda González, arquitecto e concelleiro de Servizos Urbanos en Pontevedra, que afondará na importancia de recuperar o espazo público como elemento central para mellorar a calidade de vida da cidadanía. Pola súa banda, María Xosé Piñeira Mantiñán, doutora en Xeografía e Historia pola USC, centrará a súa análise nos desafíos que afrontan os centros históricos vivos, abordando cuestións como o equilibrio entre habitar, comerciar e manter a actividade.
A xornada contará tamén coa participación de Eloi Cabanas Ramos, portavoz do BNG en Mondoñedo, e de Daniel Castro García, deputado no Parlamento de Galicia, que achegarán a visión institucional e política sobre as medidas necesarias para garantir o futuro destes espazos.
Desde a organización subliñan a importancia de abrir este tipo de foros para fomentar o debate e avanzar cara a modelos de desenvolvemento urbano máis sostibles, que permitan preservar o patrimonio ao tempo que se impulsa a vida nos cascos históricos.