Mondoñedo acollerá unha verbena piloto o día 19

AMariñaXa
O vindeiro 19 de xuño realizarase unha proba piloto coa Orquestra Principal no Concello de Mondoñedo para ensaiar a posta en marcha das festas
verbena festa orquesta concerto
2 Jun 2021

O vindeiro 19 de xuño realizaranse probas piloto con orquestras en cinco concellos para ensaiar a posta en marcha das festas e verbenas en Galicia, no caso da provincia de Lugo, será en Mondoñedo e da man da Orquestra Principal. Os outros concellos escollidos para os eventos serán Costa Dorada en Noia, ocaband en Tomiño, Los Satélites en Arteixo, e Cinema no Carballiño.

Así, estes espectáculos contarán con aforos de entre 1.000 persoas de pé e 5.000 sentadas que poderán chegar ata os 10.000 asistentes en función das características do recinto e sempre con máscara.

Co fin de ofrecer certezas a organizadores, público e traballadores, actualmente estanse a tratar diferentes aspectos como a posibilidade de consumir comida ou bebida, pero en todos os casos o uso da máscara será obrigatorio e deberán cumprirse as distancias de seguridade de, polo menos, 1,5 metros e de 5 metros entre o escenario e o público. Os asistentes terán á súa disposición dispositivos de xel hidroalcohólico ou desinfectantes nos puntos de entrada e saída así como nos aseos.

Espectáculos de gran afluencia

Os espectáculos ao aire libre de grande afluencia, como grandes concertos ou festivais, poderán acadar un aforo de 5.000 asistentes e o público deberá permanecer sentado. En función das características do recinto, poderá elevarse ata as 10.000 persoas. Poderanse celebrar nos concellos cunha baixa incidencia acumulada nos últimos 14 días e co aforo máximo ao 50% da capacidade. Serán sempre en espazos ao aire libre, acoutados e limitados, de xeito que só se poderá acceder polos accesos autorizados. Para evitar aglomeracións, a venda e reserva de entradas realizarase por adiantado e os asentos estarán tamén preestablecidos. Ademais, realizarase un rexistro previo dos asistentes para favorecer o seguimento de posibles contactos en caso de que se rexistre un positivo.

No caso dos espectáculos ao aire libro con baile de afluencia media, como as festas populares con verbenas, orquestras ou concertos con asistentes de pé, a Administración autonómica e o sector traballa nun protocolo cun aforo máximo de 1.000 persoas, aínda que non poderá superar o 33% da superficie do recinto, e sen contacto físico entre non convivintes. O resto das medidas son compartidas cos grandes eventos.

 

0.16233110427856