Mondoñedo acollerá unha nova edición do Encontro Álvaro Cunqueiro centrada no Camiño ao Norte

AMariñaXa
A cita cultural, integrada na Universidade de Verán da USC, reunirá os días 27 e 28 de xuño a especialistas, investigadores e representantes do ámbito literario no Pazo de Santomé
IV-Encontro-Alvaro-Cunqueiro-Mondoñedo-2026
25 May 2026

Mondoñedo volverá converterse este verán nun punto de referencia para a cultura e a literatura galega coa celebración do IV Encontro Álvaro Cunqueiro “Camiño ao Norte”, unha iniciativa integrada na programación da Universidade de Verán 2026 da USC.

O encontro desenvolverase os días 27 e 28 de xuño no Pazo de Santomé e reunirá especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural arredor da figura de Álvaro Cunqueiro e da súa relación con distintos territorios e elementos clave da identidade galega.

O programa inclúe conferencias, mesas redondas, presentacións e actividades complementarias nas que se abordarán cuestións vinculadas a Mondoñedo, Lugo, Vigo, A Mariña, a Bretaña ou o Camiño de Santiago dentro da obra e do universo literario do escritor mindoniense.

A sesión inaugural contará cunha conferencia de Isabel Morán centrada na relación entre Cunqueiro e Mondoñedo. Ao longo da fin de semana tamén participarán relatoras e relatores como Carlos Nuevo Cal, Martín Vizoso, Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Lois Celeiro, Xosé Antonio López Silva, Javier Gómez Vázquez, Laura Paz Fontanes ou María Xosé Porteiro.

Entre as actividades previstas destaca tamén un roteiro cunqueiriano polas rúas de Mondoñedo guiado por Abel Vigo, así como a presentación do libro “O Quixote na obra de Álvaro Cunqueiro”, publicado pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e a Sociedade Interuniversitaria de Filosofía de Galicia.

A programación completarase cun concerto de Francisco Castro e cun acto institucional de clausura no que participarán representantes da USC, do Concello de Mondoñedo e da familia Cunqueiro.

O encontro consolídase así como unha das citas culturais máis destacadas do verán mindoniense, reivindicando a vixencia do legado literario e intelectual de Álvaro Cunqueiro.

PROGRAMA

0.13210892677307