Mondoñedo acollerá no verán de 2026 unha nova edición do Campus Ranas de baloncesto

Mondoñedo volverá converterse no verán de 2026 nun dos referentes do baloncesto base coa celebración dunha nova edición do Campus Ranas, unha iniciativa consolidada que cumpre tres décadas promovendo a formación deportiva e persoal de mozos e mozas de toda España. O campus desenvolverase en dúas quendas, do 28 de xuño ao 3 de xullo e do 5 ao 10 de xullo, ofrecendo unha experiencia completa centrada no aprendizaxe, a convivencia e a diversión arredor do baloncesto.
Dirixido a participantes de entre 8 e 18 anos, o Campus Ranas organiza os grupos en función da idade e do nivel deportivo, garantindo así un traballo axeitado ás necesidades de cada xogador ou xogadora. O programa inclúe adestramentos diarios, competicións internas e un enfoque especial no desenvolvemento técnico e táctico individual, sempre baixo a supervisión de adestradores con ampla experiencia.
Ademais da parte deportiva, o campus aposta pola convivencia e os valores, incorporando charlas motivacionais, talleres, xogos e actividades pensadas para fomentar o compañeirismo. Entre os extras incluídos destacan o seguro médico as 24 horas, o servizo de atención ás familias, excursións como a visita á Praia das Catedrais ou unha ruta polo Camiño de Santiago, así como unha festa final de despedida.
As persoas inscritas poderán elixir entre distintas modalidades, desde o Campus Básico ata o Campus Externo con comida, ademais dunha opción Premium que inclúe talleres específicos de tiro e preparación física. O campus conta tamén con aloxamento en habitacións compartidas, zonas verdes, instalacións deportivas e piscina nas proximidades.
Coincidindo coa celebración do seu 30 aniversario, a organización ofrece un desconto do 15 % para novos e novas participantes durante o mes de febreiro. O Campus Ranas preséntase así como unha oportunidade para mellorar no baloncesto e vivir unha experiencia de verán diferente nun entorno privilexiado como Mondoñedo.