Mondoñedo acolle un encontro para resolver as dúbidas de autónomos e emprendedores

Mondoñedo acollerá o vindeiro luns 21 de setembro unha xornada divulgativa dirixida a persoas traballadoras autónomas e emprendedoras coa finalidade de achegarlles as ferramentas, axudas e recursos dispoñibles para desenvolver os seus proxectos. O encontro, organizado por APE Galicia, celebrarase no salón de actos do Pazo Santomé, antigo Centro Comarcal, entre as 19.30 e as 21.30 horas.
A iniciativa busca dar a coñecer os servizos do Campus Virtual do Traballo Autónomo, as principais liñas de axuda destinadas ao colectivo e os recursos de asesoramento e acompañamento que ofrecen os Polos de Emprendemento. A xornada permitirá tamén compartir experiencias reais de iniciativas apoiadas polo Goberno autonómico e resolver dúbidas directamente co persoal técnico responsable dos diferentes programas.
A convocatoria está pensada non só para autónomos e emprendedores, senón tamén para persoas que estean desenvolvendo proxectos empresariais, pequenas empresas, comercios, asesorías e xestorías e asociacións empresariais.
A programación arrancará coa recepción dos asistentes ás 19.15 horas e continuará ás 19.30 coa benvida a cargo do alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero. Tras a apertura da xornada, ás 19.45 horas comezará a parte formativa baixo o título Ferramentas e axudas ao servizo do traballo autónomo e do emprendemento, coa participación de Belén Liste, subdirectora xeral de Emprego.
Ás 20.15 horas celebrarase a mesa de diálogo Emprender con acompañamento: dos recursos ás experiencias reais. Nela participarán Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; persoal técnico do Polo de Emprendemento de Mondoñedo e diferentes casos de éxito convidados. O obxectivo será combinar a explicación dos recursos dispoñibles con experiencias prácticas de persoas que xa percorreron o camiño do emprendemento.
A clausura institucional está prevista para as 20.45 horas e contará con José Ramón Caldas, presidente de APE Galicia, e coa secretaria xeral de Emprego, Susana Pérez. A programación completarase a partir das 20.50 horas cun espazo de networking e un ágape, favorecendo así o contacto entre participantes, profesionais e representantes das diferentes iniciativas de apoio ao emprendemento.