Mondoñedo acolle as XVIII Xornadas do Peregrino cunha homenaxe ao Camiño do Norte

TerraChaXa | AMariñaXa
O evento celebra o X Aniversario da declaración como Patrimonio Mundial e impulsa o proxecto 'Da Catedral de Mondoñedo á de Santiago'
Xornadas-abrindo-camino-mondonedo-2025
9 May 2025

O IES San Rosendo de Mondoñedo foi o escenario este luns da inauguración das XVIII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño, un encontro que este ano cobra especial relevancia ao conmemorar os dez anos da inclusión dos Camiños do Norte de Santiago na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Ao mesmo tempo, as xornadas serviron de impulso ao proxecto de peregrinación “Da Catedral de Mondoñedo á de Santiago de Compostela”, que busca poñer en valor esta ruta histórica e espiritual.

Durante o acto inaugural interviron representantes institucionais dos concellos de Mondoñedo e Abadín, así como da Asociación Abrindo Camiño, organizadora do evento. A continuación, desenvolveuse unha charla-coloquio na que se abordaron cuestións clave sobre a situación actual dos camiños do norte, con especial atención á súa dimensión cultural, patrimonial e de acollida.

Entre os participantes destacaron figuras como o bispo da Diocese Mondoñedo-Ferrol, Mons. Fernando García Cadiñanos, o director da Xunta para os Camiños de Santiago, Ildefonso de la Campa Montenegro, e representantes de asociacións peregrinas de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.

A xornada do martes tivo como epicentro a Catedral de Mondoñedo, desde onde se iniciou unha peregrinación simbólica cara a Abadín, tras o tradicional tañido das campás. Ao longo do percorrido, os participantes fixeron paradas en puntos significativos como o Centro da Natureza do Vilar (Mariña) e o Rei das Tartas (Galgao).

A actividade contou coa colaboración de entidades eclesiásticas, civís e asociacións vinculadas ao Camiño, e rematou con degustacións de produtos locais e un torneo de chave en Gontán, antes do regreso en autocar.

⚙ Configurar cookies
0.072695016860962