Mondoñedo acolle a I Xornada de Promoción Histórica cun recital de poesía e órgano na Catedral

A Catedral de Mondoñedo será o escenario, o vindeiro martes 23 de decembro ás 19:45 horas, da I Xornada de Promoción Histórica Mondoñedo no Camiño, unha iniciativa organizada pola Asociación do Camiño Norte De Catedral a Catedral que se presenta cun recital de poesía e órgano aberto ao público.
Esta proposta cultural enmárcase na celebración do décimo aniversario da declaración do Camiño Norte de Santiago como Patrimonio da Humanidade, recoñecemento que inclúe tamén a Catedral mindoniense como un dos seus elementos máis destacados. O acto pretende poñer en valor a relevancia histórica, espiritual e cultural de Mondoñedo, así como o seu papel clave dentro deste itinerario xacobeo.
A xornada combinará música e literatura como ferramentas de divulgación patrimonial. O músico e compositor Lino Rico será o encargado de interpretar as pezas ao órgano, mentres que os escritores Paco Rivas e Eva Teixeiro ofrecerán un recital poético creado expresamente para a ocasión, establecendo un diálogo artístico co espazo catedralicio.
Desde a organización sinalan que este evento supón o peche dun amplo programa de actividades desenvolvidas ao longo do ano, que incluíu charlas e ponencias centradas na historia e na importancia do Camiño Norte. Con esta xornada final, a asociación busca reforzar o vínculo entre patrimonio, creación artística e divulgación cultural, consolidando a Catedral de Mondoñedo como un referente no percorrido xacobeo.