Mohamed Chairi leva o ouro no Campionato Internacional de Baristas celebrado no IES de Foz

O IES de Foz converteuse esta semana no epicentro do café de especialidade coa celebración do XVIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e do XIII Campionato Internacional de Cata de Cafés. O evento reuniu a 26 centros formativos procedentes de 14 comunidades autónomas, así como participantes chegados de Portugal e Italia, reforzando o carácter internacional dunha cita xa consolidada no calendario do sector.O gran protagonista da edición foi Mohamed Chairi, representante do IES de Foz, que se proclamou mellor barista do certame tras impoñerse nas distintas probas técnicas e creativas. O podio completárono Daniela Vargas, do CIFP La Flora de Burgos, en segunda posición, e Tony Tianem, do CIFP Ciudad de León, en terceiro lugar.
No apartado de cata, o primeiro premio foi para Giordana Portela, do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. A segunda posición recaeu en Sara Álvarez, da Escuela de Hostelería de Gamarra, en Vitoria, mentres que o terceiro posto foi para Rosana Clemente, da Escola Naval de Ferrol.
A programación incluíu tamén degustacións abertas ao público, ofrecidas por baristas profesionais de once torrefactores, que permitiron achegar diferentes matices e orixes do café aos asistentes. Ademais, desenvolveuse a charla titulada Indonesia: orixe e especialidade, impartida por Raquel del Prado e Miguel Renau, da firma Bean2be, na que se afondou nas características e singularidades deste produto en mercados internacionais.
O acto de entrega de premios contou coa presenza do Deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo e alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, quen felicitou ás persoas premiadas e destacou a relevancia do evento. Sinalou que a institución provincial colabora con este campionato por tratarse dunha iniciativa de referencia para a hostalería e para o mundo do café de especialidade, subliñando que contribúe a situar Foz e a provincia no mapa internacional.
Tamén se entregou o trofeo Espírito Barista 2026, que nesta ocasión foi para a firma Lotus Biscoff, nun recoñecemento ao seu apoio e vinculación co certame.

