Mohamed Chairi leva o ouro no Campionato Internacional de Baristas celebrado no IES de Foz

O IES de Foz converteuse esta semana no epicentro do café de especialidade coa celebración do XVIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e do XIII Campionato Internacional de Cata de Cafés. O evento reuniu a 26 centros formativos procedentes de 14 comunidades autónomas, así como participantes chegados de Portugal e Italia, reforzando o carácter internacional dunha cita xa consolidada no calendario do sector.
O gran protagonista da edición foi Mohamed Chairi, representante do IES de Foz, que se proclamou mellor barista do certame tras impoñerse nas distintas probas técnicas e creativas. O podio completárono Daniela Vargas, do CIFP La Flora de Burgos, en segunda posición, e Tony Tianem, do CIFP Ciudad de León, en terceiro lugar.
No apartado de cata, o primeiro premio foi para Giordana Portela, do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. A segunda posición recaeu en Sara Álvarez, da Escuela de Hostelería de Gamarra, en Vitoria, mentres que o terceiro posto foi para Rosana Clemente, da Escola Naval de Ferrol.
A programación incluíu tamén degustacións abertas ao público, ofrecidas por baristas profesionais de once torrefactores, que permitiron achegar diferentes matices e orixes do café aos asistentes. Ademais, desenvolveuse a charla titulada Indonesia: orixe e especialidade, impartida por Raquel del Prado e Miguel Renau, da firma Bean2be, na que se afondou nas características e singularidades deste produto en mercados internacionais.
O acto de entrega de premios contou coa presenza do Deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo e alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, quen felicitou ás persoas premiadas e destacou a relevancia do evento. Sinalou que a institución provincial colabora con este campionato por tratarse dunha iniciativa de referencia para a hostalería e para o mundo do café de especialidade, subliñando que contribúe a situar Foz e a provincia no mapa internacional.
Tamén se entregou o trofeo Espírito Barista 2026, que nesta ocasión foi para a firma Lotus Biscoff, nun recoñecemento ao seu apoio e vinculación co certame.