Mofa e Befa levan o seu humor ao Teatro das Cortes do Vicedo

O Teatro das Cortes de Cabanas, no Vicedo, acollerá este sábado 12 unha tarde dedicada ao humor e á música coa presenza de Mofa e Befa e a actuación posterior de Xico de Cariño e Servando Barreiro. Todas as actividades serán de balde.
A programación abrirase ás 18.30 horas con Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, que subirán ao escenario coa súa 'Antoloxía de Mofa e Befa', unha selección dalgúns dos seus mellores sketches.
A parella cómica leva desde comezos dos anos noventa percorrendo escenarios de Galicia e do resto da Península Ibérica. Ao longo destas décadas estrearon numerosos espectáculos e participaron en teatros e festivais cun estilo propio que eles mesmos identifican como "Humor Perralleiro".
A música tomará o relevo ás 20.30 horas da man de Xico de Cariño e Servando Barreiro. Os dous artistas ofrecerán un concerto de cantigas galego-portuguesas, unha proposta construída arredor da lingua compartida e dos vínculos culturais entre Galicia e Portugal.
O repertorio parte da tradición oral e combina cantigas populares con temas de autor, establecendo un diálogo entre memoria, identidade e creación contemporánea. Durante a actuación, os músicos contarán e cantarán historias procedentes das dúas beiras do Miño.
Xico de Cariño encargarase da harmónica, a percusión e as voces, mentres que Servando Barreiro estará á voz, guitarra e concertina.
A xornada está organizada pola Asociación Cultural Volta e Dálle, co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e do Concello do Vicedo.