Miriam Folgueira e David Martínez Rodil coróanse campións do circuíto +KmsBarreiros 2025

AMariñaXa
A cuarta edición do programa deportivo pechouse coa carreira “Ao Son do Masma”, celebrada en Celeiro de Mariñaos, e consolídase como un referente na Mariña e no occidente asturiano.
BARREIROS-Miriam-e-David-ganadores-carreiras-maiskm2025
13 Nov 2025

O circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025, promovido polo Concello de Barreiros, concluíu esta fin de semana coa disputa da proba “Ao Son do Masma”, organizada polo Colectivo Cultural Ollomao en Celeiro de Mariñaos. Esta última cita puxo o broche final a un calendario composto por seis probas que combinaron deporte, natureza e participación social ao longo de todo o ano.

Tras completarse as carreiras de Reis, Praias, 1/2 km Vertical, Benquerencia Terra-Mar, Trail Monte Comado e Ao Son do Masma, proclamáronse vencedores absolutos Miriam Folgueira Rico e David Manuel Martínez Rodil. No podio feminino acompañáronos Romina Reimondo Gasalla e Lourdes López Villar, mentres que en categoría masculina completaron o trío de cabeza Óscar Murado e Manuel Pérez.

A organización destacou a alta participación e o nivel deportivo desta cuarta edición, que consolida o proxecto como un dos máis importantes da comarca e da provincia. O Concello anunciou que a gala final de entrega de premios terá lugar o domingo 30 de novembro na Praza do Concello de Barreiros, onde se recoñecerá o esforzo de todas as categorías.

As persoas participantes menores que completasen tres das cinco probas recibirán un agasallo, mentres que os adultos vencedores obterán trofeos e premios en metálico. En total, repartiranse 1.000 euros, con 150, 100 e 75 euros para os tres primeiros clasificados absolutos e 35 euros para os gañadores de cada categoría. Tamén se entregarán trofeos especiais ás persoas que finalizaron as seis carreiras do circuíto, en recoñecemento á súa fidelidade e constancia.

Desde o Concello de Barreiros agradecen o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, das asociacións organizadoras (Praias de Comado, Augas Santas e Ollomao), así como a colaboración da agrupación de Protección Civil e do tecido empresarial local.

As clasificacións completas e máis información poden consultarse na web oficial: www.maiskmsbarreiros.gal.

⚙ Configurar cookies
0.071441888809204