Miñones asegura o apoio do Goberno ao aproveitamento dos recursos turísticos da Mariña
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, resaltou en Foz a implicación e o decidido apoio do Executivo á promoción turística deste concello e do conxunto da Mariña lucense. O delegado, que efectuou a súa primeira visita oficial a Foz, eloxiou os numerosos recursos naturais e paisaxísticos deste concello, un dos máis turísticos da provincia.
José Miñones foi recibido polo alcalde, Francisco Cajoto, co que mantivo unha reunión de traballo, na que tamén participou a subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez, e aproveitou para visitar a última actuación realizada polo Executivo neste concello, consistente na recuperación medioambiental e social da zona do Carreiro, que levou a cabo nas últimas semanas a Dirección Xeral da Costa e o Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Na visita tamén participou o xefe provincial de Costas, José Miguel Estevan.
O delegado do Goberno explicou que “é unha obra pequena pero simbólica, porque xorde da colaboración entre as dúas administracións e permitiu a recuperación medioambiental e social dun espazo de singular beleza que se atopaba degradado”. Lembrou que a actuación foi realizada “atendendo unha petición do alcalde e xa están gozando dela todos os cidadáns, tanto os veciños de Foz como os visitantes”.
A intervención realizada no Carreiro, un espazo situado entra a praia de Llás e Ollo do Mar, consistiu na limpeza da zona e a posterior execución dun sendeiro que conecta o paseo existente con distintos miradoiros realizados en madeira, que permiten ao cidadán o goce desta zona costeira e do seu indubidable valor paisaxístico. A obra realizouse durante os meses de xuño e xullo e supuxo un investimento aproximado de 30.000 euros.
Miñones indicou que “aínda que se trata dun investimento modesto, con esta actuación logramos sumar un atractivo máis aos moitos que xa ten Foz e que constitúen un recurso moi valioso”.
O delegado do Goberno destacou que o aproveitamento dos atractivos naturais e paisaxísticos de Foz, e do resto de concellos da comarca da Mariña, veñen de recibir un apoio decisivo coa súa inclusión no programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, que mobilizará un investimento total de 3 millóns de euros, e que ten a gran virtude de involucrar ás tres administración, como puxo de manifesto o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, na reunión que mantivo a semana pasada, tamén en Foz, cos alcaldes da Mancomunidade, que preside Francisco Cajoto.
Ademais da promoción turística, o delegado do Goberno e o alcalde abordaron outros asuntos como o reto demográfico. Os dous responsables coincidiron en que supón un dos maiores problemas aos que se enfronta Galicia, polo que resulta imprescindible poñer en práctica políticas que doten ao rural dos medios necesarios para facilitar o acceso dos veciños a todo tipo de servizos.
Dentro do compromiso do Goberno para dotar de servizos ao medio rural inscríbese o proxecto de extensión da Banda Ancha na provincia de Lugo. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ten en marcha o Programa PEBA para mellorar a cobertura da Internet, cunha dotación de subvencións por importe de 5,8 millóns de euros na provincia de Lugo para mobilizar un investimento total de 7,5 millóns. No caso do concello de Foz, o programa executouse en 45 entidades de poboación.
O delegado do Goberno lembrou que o Ministerio vén de lanzar esta mesma semana unha nova convocatoria, dotada con 250 millóns de euros, para estender a conectividade ultrarrápida a todo o territorio de España. Para mellorar o acceso ás novas tecnoloxías na provincia de Lugo destínanse 10,1 millóns de euros.
Miñones subliñou que “a cohesión territorial e o reto demográfico constitúen un dos eixos das políticas do Goberno”. “E, neste sentido, tamén impulsamos medidas que poden parecer menos ambiciosas pero que lle facilitan moito a vida á xente do rural, como a iniciativa que desenvolve Correos en toda a provincia, onde os carteiros rurais ofrecen no domicilio moitos dos servizos que se prestan nas oficinas”, engadiu. Trátase dunha medida na que Lugo foi pioneira, xunto coa provincia de Xaén, e que agora Correos estende a toda España.