'Memorias dun neno labrego' chega ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro no décimo aniversario da morte de Neira Vilas

AMariñaXa
A adaptación dirixida por Cándido Pazó representarase o sábado 24 de outubro ás 20:30 horas cunha historia sobre a infancia, as inxustizas sociais e a vida na Galicia rural
Teatro-pastor-diaz-viveiro-2026
22 Oct 2026

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá o sábado 24 de outubro a representación de 'Memorias dun neno labrego', unha adaptación teatral da coñecida novela de Xosé Neira Vilas que coincide co décimo aniversario da morte do escritor. A función comezará ás 20:30 horas e terá unha duración aproximada de 100 minutos.

Baixo a dirección e adaptación de Cándido Pazó, a montaxe recupera algúns dos episodios máis significativos da obra, a través dos recordos dunha infancia marcada polas dificultades, os soños frustrados e as desigualdades da sociedade rural da época.

A escola, a familia, a dureza do traballo, a emigración e a represión conviven nesta historia coa tenrura da infancia, as amizades, os primeiros amores e as celebracións populares da aldea. A obra percorre así as experiencias e emocións dun neno que comeza a comprender as inxustizas do mundo que o rodea e cuestiona o destino que parece estar escrito para el.

O elenco está integrado por Xulio Abonjo, Santi Romay, Ana Santos, Federico Pérez, Mónica García, Manuel Cortés e Iris Dávila. A escenografía corre a cargo de Pablo Giráldez, coñecido como 'O Pastor'; o deseño de iluminación é de Afonso Castro e o vestiario, de Martina Cambeiro.

O espectáculo está clasificado como comedia e está recomendado para público adulto e maiores de 10 anos.

0.14904308319092