Mellora a seguridade da nave de redes de Burela da frota pesqueira artesanal

AMariñaXa
Centrada na modernización e mellora de equipamentos e das infraestruturas
20241127VillaresNaveRedesBurela-(12)
28 Nov 2024

A Xunta de Galicia mellora a seguridade e as condicións de traballo na nave de redes de Burela, que é de uso exclusivo da frota pesqueira artesanal. Trátase dun proxecto ao que a Consellería do Mar destinou máis de 600.000 euros, no marco das axudas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA), que están dirixidas á modernización e mellora de equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos fondeadoiros.

Esta actuación permite, por unha banda, dar solución á problemática que se ocasionaba cada vez que se presenta un temporal, co conseguinte risco de afectación da cuberta e, pola outra, reducir os custos tanto de recambios e de mantemento dos aparellos e provisións desta modalidade pesqueira, como da conservación da propia infraestrutura.

Estas instalacións, situadas na área portuaria, constitúen un lugar funcional e necesario para a actividade pesqueira, onde poder realizar os labores vinculados coa pesca con redes nunha zona cuberta que, xunto co apoio dun ponte-grúa, agora quedan protexidas das inclemencias meteorolóxicas e en condicións óptimas de seguridade e de saúde para os traballadores.

Neste senso, ponse fin á situación de deterioro da envolvente que supoñía un perigo derivado do deterioro da fachada, de tal xeito que a nave non resultaba segura como lugar de traballo, debido ao risco de desprendemento da mesma. Por tanto, tal e como explicou Alfonso Villares, con esta actuación, ademais da seguridade e de prolongar a vida útil da nave, tamén se cumpren os parámetros de protección medioambiental.

A nave ocupa unha superficie de máis de 3.000 metros cadrados e está situada ao carón da explanada norte do porto. Dispón de accesos rodados en todas as súas fachadas, ten trazado rectangular e é totalmente diáfana. Malia que consta dunha soa planta, fronte ao acceso principal dispón dunha parte máis alta acristalada con vistas ao peirao. Compleméntase coa zona de control e servizos e, no exterior, coa parte de aparcadoiro e de carga e descarga.

Estas instalacións son, ademais, a sede de eventos coñecidos como é a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, converténdose durante a súa celebración nun escaparate dos valores da sustentabilidade dos recursos pesqueiros, da tradición artesanal e do patrimonio cultural.

0.17335915565491