Mayra García Bermúdez apelou á mobilización do voto das mulleres en favor do PSOE

AMariñaXa
A candidata socialista pola provincia ao Parlamento de Galicia Mayra García Bermúdez apelou á mobilización do voto das mulleres en favor do PSdeG o vindeiro domingo porque “necesitamos seguir adquirindo dereitos da man dos socialistas, tamén aquí en Galicia, da man de Besteiro”.
Mayra Garcia bermudez m aio 2023
16 Feb 2024

A candidata socialista pola provincia ao Parlamento de Galicia Mayra García Bermúdez apelou á mobilización do voto das mulleres en favor do PSdeG o vindeiro domingo porque “necesitamos seguir adquirindo dereitos da man dos socialistas, tamén aquí en Galicia, da man de Besteiro”. “O feminismo non vai en contra dos homes. O feminismo significa que todas e todos teñamos os mesmos dereitos e oportunidades. Por iso, nesta loita necesitamos tamén a todos os homes, como José Luis Rodríguez Zapatero, como Pedro Sánchez e como José Ramón Gómez Besteiro, que apostan e cren en nós”, asegurou.

Nun mitin na Casa da Cultura de Trabada, xunto ao Alcalde, Rubén García Freije, e a tamén candidata Catalina Fernández, a socialista subliñou que “o futuro do rural depende da capacidade para ofrecer oportunidades ás mulleres, que son as que fixan poboación”, e a mellor opción política para conseguilo é a de José Ramón Gómez Besteiro.

Neste sentido, incidiu en que a loita contra o reto demográfico pasa precisamente por avanzar en igualdade, polos servizos públicos e polo impulso do rural como un espazo de oportunidades”.

Mayra García Bermúdez decidiu formar parte das listas ao 18-F con Besteiro porque, asegurou, “confío plenamente nel e no seu proxecto” e porque “é unha persoa honesta, de palabra e decente”, valores importantes “máis se cabe na situación actual” porque “estamos de Entroido e ao PP caéuselle a máscara”. A candidata referiuse ás “mentiras” de Feijóo “á cara de todos os españois”, pois mentres mobilizaba aos seus votantes, “negociaba por detrás con Junts indultos á carta e a amnistía”.

Por iso, dirixiuse a todos os galegos e galegas, independentemente do seu voto anterior e ideoloxía, para “pedirlles que apoien ao PSOE”, e tamén “aos votantes socialistas que nalgún momento tiveron dúbidas, que confíen en nós”. “Os socialistas imos coa verdade por diante”, recalcou. “Necesitamos pasar páxina. Deixar de enfrontar pobos e ter un bo clima de convivencia. O PP é experto en dividir, pero desta perderon a pouca credibilidade que lles quedaba e van perder a maioría”.

“Temos unha oportunidade única para desbancar ao PP da Xunta, e o cambio depende de nós”, remarcou Mayra García Bermúdez, quen se mostrou convencida de que “vamos dar a sorpresa, igual que a demos o 23X”. “Queremos facelo para transformar Galicia. Iso é o que quere facer Besteiro, mellorar a vida dos galegos e das galegas con políticas que aposten polos servizos públicos, para rescatar a sanidade pública do desastre que creou o PP, para apoiar a educación pública, para mellorar o transporte público e para crear vivenda pública, pero tamén para crear emprego e riqueza coa reindustrialización de Galicia, tanto na costa, como no interior, coa transformación dos produtos do sector primario”.

0.17027306556702