Mariña Patrimonio organiza unha visita por Barreiros con xantar e festa en Santo Estevo do Ermo

AMariñaXa
Mariña Patrimonio organiza unha visita por Barreiros con xantar e festa en Santo Estevo do Ermo. Será o 10 de xuño
marina patrimonio barreiros
31 May 2023

Dende Mariña Patrimonio organizan diferentes visitas nos últimos anos polos diferentes concellos da Mariña. Estas visitas permiten coñecer un valioso patrimonio ao que sería máis difícil acceder sen este tipo de actividades. Unhas actividades que foron acollidas con interese durante todo este tempo por un bo número de persoas.

Da Mariña só queda por achegar ao concello de Barreiros, co que pecharemos o ciclo das visitas que tiñamos previsto realizar. Debido a que se trata da última excursión desta serie, "queriamos que fose algo especial. Por iso, pareceunos unha boa idea organizar esta visita para o 10 de xuño, data na que os nosos amigos e compañeiros da Irmandade Augas Santas Santo Estevo do Ermo de Barreiros organizan o X Festival Augas Santas, coa súa festa gastronómica do porquiño ao espeto", din desde o colectivo.

Como vén sendo habitual, desprazaranse en autobús. Nesta ocasión, pola mañá visitarán varios lugares de interese patrimonial en Barreiros, xantarán o porquiño e o año ao espeto en Santo Estevo e remataremos a xornada cun percorrido guiado por este lugar máxico.

Actualmente, están a preparar as visitas que se farán pola mañá das que se informará cando teñan o programa pechado.

Tendo en conta que a comida ten un prezo de 25€, o custo da actividade é de 30€ para socios e 40€ para non socios, incluíndo transporte e comida.

Por cuestións de loxística, e para poder comunicarlles con tempo suficiente aos compañeiros da Irmandade de Sto. Estevo o número de persoas que participaremos no xantar, cómpre que nos confirmedes canto antes a vosa asistencia. A poder ser antes do día 4 de xuño.

Nas antigas romarías que se celebraban en honra de Santo Estevo, a xente levaba un pano e achegábase á fonte das Rosas. Alí, mollaban o pano nas súas augas milagreiras e pasábano pola cara, para curar as "rosas" da pel, ou ben aplicábano noutras partes do corpo onde puideran ter algún problema cutáneo. Despois, penduraban o pano nas pólas das árbores dos arredores da fonte. Ultimamente, estamos vendo que este costume ancestral vai indo a menos. Por iso, animamos aos participantes nesta visita ao patrimonio de Barreiros que traian cadanseu pano para deixar nas árbores da fonte das Rosas.

0.16893911361694