María Loureiro critica que o PP "non apoie buscar solucións para a Casa dos Mestres"

AMariñaXa

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lamenta que “o PP non apoie ao Concello na busca dunha solución razoable e asumible para a Casa dos Mestres”.

maria loureiro alcaldesa viveiro 2024
maria loureiro alcaldesa viveiro 2024
14 abr 2024

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lamenta que “o PP non apoie ao Concello na busca dunha solución razoable e asumible para a Casa dos Mestres”.

No pleno deste mércores e en resposta a unha moción do PP, o grupo de goberno xa deixou claro que “a Xunta de Galicia, a través do IGVS, ten diferentes liñas de axuda para rehabilitación de inmobles, pero unhas ás que se refire o PP non poden ser tramitadas polo Concello de Viveiro debido a que van dirixidas a concellos de menos de 10.000 habitantes”.

O PP trouxo ao pleno outro tipo de subvencións, neste caso para vivendas rehabilitadas en ámbitos históricos e de 55.000 euros. “Como vostede describe na súa moción, a edificación denominada Casa dos Mestres atópase nun estado lamentable. O Concello de Viveiro é consciente do estado da edificación, pero a intervención para a creación de vivendas sociais requiriría dun investimento superior aos 1,5 millóns de euros, podendo obter, no mellor dos casos, unha subvención de 55.000 euros por vivenda, o que acadaría unha subvención máxima de 660.000 euros. Evidentemente, este investimento non é asumible polo Concello de Viveiro”, apunta Loureiro.

En palabras da alcaldesa, “cómpre subliñar que, debido a que para o Concello é inasumible a realización das obras, debería realizar o PP as xestións oportunas para que o IGVS se faga cargo da rehabilitación do inmoble para poñelo a disposición daquelas persoas que necesiten vivendas sociais, que son unha competencia da Xunta”.

“Entendemos que esta actuación podería ser obxecto dun convenio, mediante o cal a Xunta asumise as actuacións e xestións referidas a esas vivendas, poñendo a disposición do concello a planta baixa para intentar manter as actividades de uso asociativo que actualmente se veñen levando a cabo nese inmoble”, remata Loureiro.