María García levará a O Vicedo unha presentación teatralizada de “Alma de grilo”

AMariñaXa
A escritora estará acompañada pola guitarrista Icía Saavedra nun espectáculo que combina literatura, teatro e música en directo
Alma-de-Grilo-Itaca-Teatro
13 Jun 2026

A escritora e actriz María García, integrante de Ítaca Teatro, presentará o vindeiro 15 de xuño ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de O Vicedo a súa obra Alma de grilo, nunha proposta escénica que fusiona literatura, interpretación teatral e música en directo arredor do libro homónimo publicado por Edicións Embora.

A autora estará acompañada pola guitarrista Icía Saavedra, encargada de interpretar a música orixinal composta por Vadim Yukhnievich. Xuntas ofrecerán unha presentación teatralizada inspirada nos relatos que conforman a publicación, unha obra destinada ao público mozo e adulto na que se mesturan elementos do mito, o humor, a lenda e a poesía dentro dun universo próximo ao realismo máxico.

A través da palabra e da música, o espectáculo constrúe unha narración cargada de simbolismo que invita os asistentes a descubrir os significados ocultos das historias e a afondar nun conxunto de personaxes que reflicten as contradicións, as debilidades e as fortalezas da condición humana.

A proposta incorpora tamén referencias á propia traxectoria vital da autora e aos seus referentes persoais, establecendo un diálogo entre a realidade e a ficción que dá lugar a unha experiencia íntima e evocadora para o público.

A actividade celebrarase o luns 15 de xuño ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de O Vicedo e contará con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.

0.12505197525024