María do Ceo ofrecerá un concerto gratuíto en Mondoñedo o 24 de xullo

A cantante e compositora María do Ceo protagonizará un concerto o vindeiro 24 de xullo na Catedral Basílica da Asunción de Mondoñedo. A actuación dará comezo ás 21.00 horas e a entrada será gratuíta.
Nacida no Porto e afincada en Galicia desde a infancia, María do Ceo é unha das voces máis recoñecidas do fado no ámbito galego. A súa traxectoria artística caracterízase pola combinación da tradición portuguesa coa sensibilidade da cultura galega, unha fusión que marcou a súa carreira musical.
A artista iniciou a súa andaina profesional a finais da década dos oitenta e desde entón publicou numerosos traballos discográficos, ademais de actuar en escenarios de España, Portugal e outros países europeos, así como en Arxelia, Exipto, Uruguai e Arxentina.
Ao longo da súa carreira recibiu diversos recoñecementos pola súa contribución á difusión da cultura galega e portuguesa, entre eles o Premio Rebulir de Cultura Galega, concedido en 2015 polo seu labor na creación de vínculos musicais entre ambas beiras do Miño.
O repertorio unirá os versos do seu emblemático disco ‘Galicia Nai’ con homenaxes a Otero Pedrayo no seu ano conmemorativo; Curros Enríquez; Rosalía de Castro, Castelao, Manuel María e Xosé Neira Vilas a quen se lle dedicarán as Letras Galegas 2027, entre outros e grandes clásicos da lusofonía.
O concerto, que será de entrada libre ata completar aforo, conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, Xunta de Galicia e Diocese Mondoñedo – Ferrol.