Mari Carmen Rivera, do Festival Aturuxo: “O obxectivo é que o noso rural e a nosa parroquia sigan vivos”

AMariñaXa
Mari Carmen Rivera, voceira do Festival Aturuxo: “O obxectivo é que o noso rural e a nosa parroquia sigan vivos”
2 festival aturuxo outras edicions
26 Xul 2023

Por Ana Somoza López.

A parroquia de Bravos acollerá unha nova edición do Festival Aturuxo o 28 e 29 de xullo onde todos os asistentes poderán gozar coa mellor música folk do momento.

Este ano volve o festival Aturuxo, cantas edicións van?

Pois si, volve o Aturuxo como todos os anos e si cabe con máis forza. Imos xa pola XI edición, coa pausa inevitable do ano da pandemia e con moita sorte de tan só ter que saltarnos un ano polo medio, posto que a pesar de todo, no ano 2021 fixemos a novena edición con moitas restricións pero fíxose, así que xa van 11 anos!

A edición deste ano apostará por un cartel igual de completo como o da edición anterior?

Si, máis ou menos imos na mesma liña. Na edición anterior cumprimos os 10 anos e aí si que quixemos facer algo un pouco máis especial, darlle un formato máis de festival pero sempre sen perder a esencia do que pretendemos conseguir, que sexa interxeracional.

Así que se pode dicir que vai igual de completo, intentando sempre mellorar cousas, e sempre pensando en que todas as idades poidan desfrutalo. Esa é sempre a nosa premisa. En canto a tipos de musica, pois seguiremos na liña de que haxa para todos os gustos.

Arrancamos o venres moi festeiro con Mekanika Rolling Band, o sábado teremos unha sesión vermú na que troulearemos coa Charanga Alxibeira, e xa pola noite darémoslle lume con Airiños da Freba, Pauliña, García MC & Nación Quilombo, e remataremos forte con Arrythmia, e para que ninguén se nos despiste entre cambio de grupos, a Charanga Alxibeira andará polo medio do festival encargándose de facernos bailar.

Onde será o evento?

En iso non imos cambiar nada. Será coma sempre no adro da igrexa, que é unha contorna marabillosa, e onde ademais dispoñemos dos servizos e comodidades de todos estes anos.

Que novidades haberá?

A que máis destaca sería a nosa feira de artesanía, que o ano pasado puxemos en marcha, e parece que este ano xa a xente se anima polo que teremos máis postos e máis diversos, aínda que sabemos que para os artesáns e difícil elixir, posto que son datas nas que hai moitas feiras. Sei que esta gustando o formato e as condicións que poñemos e por iso xa contamos cos que repiten e con algúns máis.

Tamén aproveito para dicir que aínda nos queda algún posto libre por si alguén quere sumarse. Sen dúbida é un gran atractivo tamén para os asistentes.

Outra novidade que vén do ano pasado é a competición aberta de billarda. Tivo un gran éxito o ano pasado e por suposto repetímolo xa con máis experiencia, e cun campo máis acondicionado, tamén os xogos tradicionais para que nenos e grandes poidan desfrutar o día sen que ninguén teña un segundo para aburrirse.

Hai espazo para acampada?

Pois este ano volvemos contar coas dúas cousas. A acampada libre como todos os anos pois cada vez ten máis demanda, e o cal nos obriga a mudala de sitio. Ademais intentamos que dentro das nosas posibilidades estean o máis cómodos posibles. Tamén hai zona de caravanas e furgonetas.

Contará con sistema de transporte dende outras vilas?

Como se vén facendo dende hai uns anos, haberá autobuses dende Viveiro con algunhas paradas no traxecto (Viveiro Estación de Autobuses, fonte de Xunqueira, ponte de Landrove, casa Eladio en Galdo, e festival Aturuxo) e para regresar as mesmas paradas, pero os horarios aínda poden sufrir algún cambio, aínda que previsiblemente haberá un pola maña que sairá da estación as 11.30 horas e volverá dende o festival as 15.00 horas para que a xente poida desfrutar da sesión vermú e do bo xantar, a partir de aí as saídas da estación de Viveiro serán ás 16.30, 20.00, 22.00 e 00.00 horas.

A volta os buses sairán do recinto do festival ás 19.00, 21.30., 23.30 e 4.00 horas. Os horarios aínda están sen determinar pero será unha aproximación a estes.

E taxis adaptados, non?

Si, tamén están os taxis adaptados de Viveiro que fan un prezo especial para aquelas persoas que teñan algún tipo de problema de mobilidade, intentamos que todo o mundo poida desfrutar o noso festival, e aproveito para dicir que todo o recinto esta adaptado a calquera tipo de discapacidade e que tamén temos interpretes de linguaxe de signos, interprete de inglés e francés, e que non hai desculpa para non achegarse a dar unha volta polo festival.

Para comer algo, haberá postos?

Por suposto. Durante todo o día e toda a noite dende o venres as 20.00 horas que comeza o festival ata que remate na madrugada do sábado-domingo as cociñas non pechan. E o máis importante é que son prezos populares. O venres teremos as racións de paella popular que xa quedou instaurada fai uns anos, e o sábado haberá as racións de callos e xamón cocido para xantar ademais do típico de todos os festivais, bocadillos, hamburguesas, etc.

Cal é o obxectivo do Festival Aturuxo?

O obxectivo é algo que está claro dende que se empezou a organizar, e é que o noso rural, que a nosa parroquia, siga viva. Que a nosa xente, os nosos veciños que están con nós todo o ano teñan un día de festa inesquecible, e que a xente de fora poda coñecer os encantos do rural. Tamén demostrar que este tipo de eventos teñen cabida no rural, que non todo ten que estar concentrado nas cidades, contamos con aparcamentos, transporte, boa musica, bo ambiente e como se soe dicir, e por suposto a principal finalidade é que poida ser familiar, que podan desfrutar todos dun día moi especial, a conciliación familiar non ten que ser só nos traballos, tamén ten que ser neste tipo de cousas.

Volverá o punto lila?

Si, contaremos como no ano anterior cun punto lila e tamén con seguridade privada, ademais de como todos os anos anteriores estará presente Protección Civil, pois queremos que por riba de todo siga sendo un festival onde os nenos poidan correr libres, os mozos podan divertirse, onde os pais podan desfrutar tranquilos sabendo que ningún membro da súa familia estará en apuros e onde os avós teñan o seu espazo de divertimento.

Buscan axuda para a realización?

A axuda sempre é benvida, e para que todo iso sexa posible precisamos xente voluntaria. Como xa fixemos o ano pasado puxemos nas redes un espazo para que todo aquel que queira ver un festival dende outra perspectiva e queira botarnos unha man, se anote como voluntario. Hai moi diversos postos que cubrir e serán benvidos en calquera deles.

mari Ourol Aturuxo
1 festival aturuxo outras edicions
festival aturuxo outras edicions
cartel festival aturuxo 2023
0.19978213310242