Mañá abrirá o Pepe Barrera trala súa remodelación

AMariñaXa
Durante esta ponte festiva terá lugar a posta de largo do remodelado campo de fútbol municipal Pepe Barrera de Ribadeo.
pepe barrera campo de futbol remodelado
18 Mar 2021

Durante esta ponte festiva terá lugar a posta de largo do remodelado campo de fútbol municipal Pepe Barrera. Debido á situación sanitaria non haberá acto de inauguración. O Ribadeo FC xogará no Pepe Barrera mañá e o domingo e algunhas categorías da SD Ribadeo farán o propio o sábado. Está permitido o acceso de público cumprindo con todas as normas sanitarias en vigor en cada momento: aforo, toma de temperatura e de datos persoais, etc…

Suárez Barcia sinalou que “o campo de fútbol Pepe Barrera leva varios meses amañado, despois dunha operación profunda de rehabilitación e de arranxo con moito diñeiro público que se meteu alí, e de facto non foi inaugurado. Tampouco vai ser porque pensamos desde o goberno municipal que a mellor maneira para inauguralo é precisamente que nesta fin de semana poidan empezar a xogar as persoas, tanto do Ribadeo FC como da SD Ribadeo, rapaces xuvenís, cadetes ou os que xa son titulares do Ribadeo FC, e poidan usar o que vai ser e o que é un dos mellores campos de herba natural do noso país. Desde logo ningún outro, a día de hoxe, ten a calidade do terreo do Pepe Barrera”.

O alcalde ribadense engadiu que “despois de que nos últimos dez anos desde o goberno municipal tivéramos que sufrir todo tipo de queixas e de críticas, sempre construtivas, de que era un pataqueiral, finalmente cun montón de apoio económico da Deputación, con escaso apoio económico da Xunta e cunha parte importantísima do Concello de Ribadeo, puidemos arranxar integralmente este campo de fútbol Pepe Barrera que, nesta fin de semana, vai ser a ledicia tanto da SD Ribadeo, que vai xogar o sábado, ás once e media da mañá, os xuvenís e os cadetes, e o Ribadeo FC, que vaI xogar todos eles partidos amigables, un deles vai ser o venres ás cinco da tarde co Foz e O outro vai ser o domingo tamén ás cinco da tarde coa Residencia de Lugo”.

0.17316293716431