Máis de 60 ganderías de razas autóctonas en risco recibirán axudas para a recría do programa Morenas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a resolución provisional da convocatoria, que se publicará a vindeira semana no BOP de Lugo
vaca-cachena
19 Sep 2026

A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución provisional das axudas á recría de animais de razas autóctonas nas granxas de nacemento, convocadas pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As axudas, encadradas no programa Morenas, beneficiarán a 62 ganderías con razas bovinas, ovinas e caprinas en risco de erosión xenética - Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Ovella Galega e Cabra Galega-, que recibirán importes entre os 400 e os 8.000 euros, en función do número de animais que cumpren os requisitos establecidos nas bases.

O deputado de Rural Daniel García explicou que “se trata da primeira convocatoria desta liña de axudas que presta apoio a ganderías tanto de bovino como de ovino e cabrún que preservan un patrimonio xenético propio do país e que, sobre todo, representan un modelo produtivo moi ligado ao territorio que conserva as paisaxes e contribúe o mantemento do tecido social e económico nas zonas rurais”.

A resolución coa listaxe de ganderías beneficiarias publicarase a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ás ganderías de razas autóctonas compleméntase cunha segunda liña de subvencións dirixida a fomentar a recría de raza rubia galega – o programa Marela! - que beneficiará 220 ganderías. En suma, a área de Rural destina ás ganderías de razas autóctonas axudas directas por importe de 400.000 euros.

0.15370297431946