Máis de 50 nenas e nenos participan nos campamentos de verán en Barreiros

AMariñaXa
O obxectivo principal deste programa foi facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e profesional
campamentos-conciliacion-barreiros
8 Sep 2024

Clausuráronse os campamentos de verán organizados polo Concello de Barreiros, en colaboración coa Deputación de Lugo, que financiou a maior parte do programa. Máis de 50 nenas e nenos participaron no programa +Concilia Barreiros desde o mes de xuño ata a primeira semana de setembro. O obxectivo principal deste programa foi facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e profesional das familias de Barreiros durante as vacacións escolares.

Así mesmo, buscouse fomentar a integración social das crianzas e promover o seu desenvolvemento cognitivo, psicomotor, afectivo e social a través de actividades físicas, culturais e ao aire libre. As actividades incluíron a aprendizaxe de tradicións locais, a promoción de hábitos de vida saudables e a importancia do respecto polo medio natural. Ademais, os nenos e nenas recibiron formación básica en primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar, algo destacado como fundamental desde idades temperás.

O broche final do campamento foi un concerto a cargo do músico Paco Nogueiras, que presentou o seu espectáculo “Radio Bule-Bule”, entretendo tanto ás crianzas como aos pais e nais presentes no evento. Á clausura asistiron a concelleira de Educación e Igualdade, Montserrat Porteiro, a concelleira de Asuntos Sociais, Carmen Veiga, e o alcalde accidental, Antonio Veiga Outeiro.

0.15674090385437