Máis de 330 persoas participaron no Día do Xubilado de Ribadeo

AMariñaXa
A xornada foi un éxito, tal como destacou Vega, quen valorou a importancia de recuperar esta celebración
-dia-xubilado-Ribadeo
29 sep 2024

Ribadeo celebrou o Día do Xubilado, unha xornada organizada polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia, que reuniu a máis de 330 participantes. O evento, que se desenvolveu nunha carpa instalada no peirao, contou cun xantar colectivo e a actuación musical do grupo A Roda pola tarde.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, quixo agradecer o traballo do persoal municipal e da Concellería de Benestar Social, liderada por Elena Sierra, destacando a coordinación do equipo: "Hai que resaltar que un traballo coordinado sempre funciona". Tamén quixo recoñecer o esforzo e dedicación das persoas xubiladas: "Agradecerlles a todas as persoas que traballaron toda unha vida con sacrificio, entrega e dedicación para sacar adiante ás súas familias".

A xornada foi un éxito, tal como destacou Vega, quen valorou a importancia de recuperar esta celebración, non só como un encontro lúdico, senón como un xesto de agradecemento á contribución dos xubilados á sociedade. "Este é un encontro para dicirlles que seguimos contando con todos eles e para seguir organizando actividades que axuden a que Ribadeo avance no ámbito do benestar social", afirmou o rexedor. O Cuarteto Illa Pancha, de Ribadeo, foi o encargado de poñer música á benvida deste emotivo Día do Xubilado.

0.1620409488678