Máis de 300 persoas de Burela poderán votar nas eleccións lexislativas de Cabo Verde

AMariñaXa
A Casa da Cultura acollerá este domingo a mesa electoral habilitada para a comunidade caboverdiana residente na vila
Casa_concello_Burela
15 May 2026

Un total de 314 veciñas e veciños de Burela figuran no censo electoral das eleccións lexislativas de Cabo Verde e poderán exercer este domingo, 17 de maio, o seu dereito ao voto sen saír da localidade.

O Concello informou de que a mesa electoral habilitada para este proceso estará situada na Casa da Cultura, no espazo empregado habitualmente para este tipo de convocatorias, e permanecerá aberta entre as 08:00 e as 18:00 horas.

Desde a administración municipal trasladouse unha mensaxe de participación e convivencia democrática, animando ás persoas censadas a acudir ás urnas con tranquilidade e normalidade. O Concello puxo en valor a relevancia deste proceso para a comunidade caboverdiana asentada en Burela, unha das máis numerosas e integradas da comarca, e destacou tamén o papel da diáspora nas eleccións do país africano.

A institución local considera que este tipo de convocatorias fortalecen os vínculos sociais, culturais e institucionais entre Burela e Cabo Verde, ao tempo que favorecen a participación cidadá das persoas residentes fóra do seu país de orixe.

O proceso electoral chega ademais despois das accións de colaboración desenvolvidas nos últimos meses entre o Concello e a Embaixada de Cabo Verde. O pasado febreiro, persoal diplomático desprazouse ata Burela para facilitar a renovación de documentación e a actualización do censo electoral da comunidade residente.

Durante esa xornada realizáronse 31 pasaportes e achegáronse diferentes servizos administrativos á veciñanza, evitando desprazamentos a outras cidades e simplificando os trámites para moitas familias.

Desde o Concello subliñan que este tipo de iniciativas permiten reforzar a proximidade da administración e consolidar a cooperación institucional coa Embaixada de Cabo Verde, ao tempo que se atende ás necesidades dunha comunidade cun importante peso social e laboral na vila mariñeira.

0.11810708045959