Máis de 30.000 euros da Xunta impulsarán a animación á lectura en 37 bibliotecas municipais de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O programa ‘Ler conta moito 2026’ financiará actividades culturais e literarias en concellos de todas as comarcas da provincia
Ler-Conta-Moito-Monforte
11 May 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiará as actividades de animación á lectura organizadas por 37 bibliotecas municipais da provincia de Lugo a través do programa ‘Ler conta moito 2026’. O importe total das axudas concedidas supera os 30.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da liña anual de subvencións destinada aos concellos para desenvolver iniciativas de dinamización nas bibliotecas e axencias de lectura municipais.

Na comarca da Mariña, os apoios chegarán aos concellos de Alfoz do Castrodouro, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Na Zona Sur resultaron beneficiarios Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada.

Pola súa banda, na Terra Chá e Meira accederon ás axudas Castro de Rei, Guitiriz, Meira, A Pastoriza, Riotorto, Vilalba e Xermade. Tamén recibirán financiamento as bibliotecas municipais de Lugo, Antas de Ulla, Monterroso, A Fonsagrada, Láncara, O Páramo e Sarria.

O catálogo de actividades incluídas no programa ‘Ler conta moito’ abrangue propostas dirixidas a público infantil, xuvenil e adulto. Entre elas figuran obradoiros creativos, contacontos, exposicións, charlas, encontros con autores, clubs de lectura e outras iniciativas centradas na divulgación literaria e en cuestións de interese social e cultural.

Ademais, o programa contempla proxeccións audiovisuais, audicións, ciclos de cine e música, creación de contidos dixitais, proxectos de artes escénicas, exposicións e roteiros para descubrir escenarios literarios, entre outras actividades.

Javier Arias destacou que esta convocatoria forma parte das medidas impulsadas pola Xunta para reforzar a actividade da rede pública de bibliotecas. Neste sentido, lembrou que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas á adquisición de novidades editoriais en galego e á mellora das coleccións bibliográficas dos espazos municipais. Os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 4 de xuño.

0.11615586280823