Máis de 200 persoas da área sanitaria de Lugo participan xa no proxecto Xenoma Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa da Xunta para detectar enfermidades hereditarias graves continúa avanzando e retomará a recollida de mostras en Lugo tras o verán
Proxecto Xenoma Galicia
30 Jul 2026

O proxecto Xenoma Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia para a detección precoz de enfermidades hereditarias graves, continúa avanzando na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, onde xa participaron 201 persoas na fase actual do programa.

A Consellería de Sanidade iniciou o pasado 16 de xuño o envío de 1.037 mensaxes de invitación a veciños dos distritos sanitarios de Monforte de Lemos e da Mariña co obxectivo de incorporar novos participantes ao estudo. Como resultado desta convocatoria, 201 persoas acudiron ás xornadas organizadas para a extracción de mostras de sangue, que actualmente están a ser analizadas polos equipos investigadores.

Segundo avanzou a Xunta, unha vez remate o período estival está previsto continuar coa recollida de mostras no distrito sanitario de Lugo para completar o recrutamento previsto no conxunto da área sanitaria.

O proxecto Xenoma Galicia ten como finalidade identificar variantes xenéticas asociadas a enfermidades hereditarias graves, entre elas o cancro hereditario de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar. A iniciativa está coordinada pola Consellería de Sanidade e dirixida polos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo.

O programa pretende sentar as bases dun modelo de cribado xenético sustentable e accesible para toda a poboación, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento da medicina personalizada en Galicia.

Desde 2024, tras a posta en marcha de distintas fases piloto con mostras de sangue e saliva, o proxecto entrou nunha primeira fase de desenvolvemento que prevé alcanzar a participación de 5.000 persoas en toda a comunidade autónoma.

Ata o momento, sumando os programas piloto e a fase actual, Xenoma Galicia xa conta con 4.261 participantes. Ademais, das 2.504 mostras analizadas ata a data identificáronse 42 persoas portadoras de variantes xenéticas de risco, o que permite avanzar na detección temperá e no seguimento preventivo destas enfermidades.

0.11736297607422