Máis de 200 persoas cítanse coa carreira Ao Son do Masma
Máis de 200 persoas xa están inscritas na sexta edición da carreira popular Ao Son do Masma, última proba das 6 que compoñen o circuíto de carreiras populares +Kms Barreiros e que terá lugar este domingo, 10 de novembro desde as 10.30 horas nas escolas de Celeiro de Mariñaos.
O prazo de inscrición estará aberto ata este xoves 7 de novembro e farase a través da web oficial do circuíto www.maiskmsbarreiros.gal. A proba conta con categoría adulta (salmóns), sub-16 (sollas), sub-14 (lampreas), sub-12 (anguías), sub-10 (reos),sub-8 (troitas) e pitu@s (troitiñas). Todas as categorías de menores son con inscrición gratuíta.
A saída da andaina, que terá un percorrido de 9 km, será ás 10.30 horas, logo, a partir das 11.00 horas terán lugar as probas infantís e xa, ás 12.00 h. darase a saída da proba absoluta. Os dorsais de todas as probas poderán ser recollidos a partir das 10.00 horas nas escolas de Celeiro de Mariñaos.
CIRCUÍTO +KMSBARREIROS
O Circuíto de Carreiras Populares de Barreiros é un evento anual organizado polo Concello de Barreiros dende a súa área de Dinamización e Participación Veciñal que recibe o nome de “Circuíto +Kms Barreiros” e que vai xa pola súa terceira edición. Neste circuíto enmarcase as 6 carreiras populares que se celebran en Barreiros: acarreira solidaria de Reis (xaneiro), a carreira popular Das Praias (abril), a subida ½KmVertical (xullo), a carreira popular Benquerencia Terra Mar (agosto), o trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro).
O concelleiro de dinamización, Dani García apunta: “Á falta de disputarse a última proba deste circuíto que terá lugar o domingo en Celeiro, a clasificación está moi aberta na maioría de categorías polo que agardamos unhas carreiras moi interesantes”. O concelleiro subliña que “á marxe das clasificacións e os premios finais, o circuíto o que busca e fomentar a práctica deportiva á vez que se organizan eventos de ocio que atraen un turismo natural e desestacionalizado que descubre as bondades do noso territorio tan rico de recursos naturais”.
García agradece ás asociacións organizadoras das probas, A.D. Praias de Comado, A.D. Augas Santas e C.C. Ollomao o seu compromiso e traballo para levar a cabo estas carreiras populares así como aos establecementos colaboradores e os voluntarios de Protección Civil de Barreiros. “Sen o apoio de todas estas persoas que xeran unha rede asociativa sería moi difícil levar a cabo un circuíto destas características e máis convertelo nun referente na comarca como está a ser o +KmsBarreiros polo que quero agradecer publicamente a súa gran labor”.