Máis de 100 maiores participan nunha xornada interxeracional do Arde Lucus

A Consellería de Política Social e Igualdade organizou, con motivo do Arde Lucus, unha xornada de convivencia na que participaron 130 usuarios de residencias de maiores da Xunta das provincias de Lugo e Ourense.
Os participantes nesta actividade interxeracional proceden das residencias públicas das Gándaras e A Milagrosa, en Lugo, así como dos centros de Burela, Monforte de Lemos, O Carballiño e Barbadás, conformando un grupo que puido gozar dunha experiencia de convivencia e participación no marco da celebración festiva.
Durante a mañá, os maiores desfrutaron do ambiente e dos espectáculos programados polo centro histórico da cidade, nun percorrido que lles permitiu achegarse á ambientación do Arde Lucus. Posteriormente, compartiron un xantar no Complexo Residencial Xuvenil Lug II, onde pola tarde participaron nunha actividade orientada ao intercambio de experiencias entre distintas xeracións.
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, acompañou aos participantes durante a visita ao campamento da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium, onde puxo en valor este tipo de iniciativas, sinalando que “fortalecen as relacións sociais e contribúen a un envellecemento activo e saudable, mellorando a calidade de vida das persoas maiores”.
Rueda tamén destacou as medidas impulsadas pola citada asociación, coa colaboración da Xunta, para facer a festa “máis accesible e inclusiva”, como a incorporación de paneis informativos en braille e vídeos con lingua de signos.